ESCOITEI á vicepresidenta do Goberno dicir que ía organizar unha campaña informativa en Senegal para explicarlles aos senegaleses «a dura realidade de España». A idea é que así non virán máis, e o ano próximo os caiucos quedarán amarrados nos peiraos como unha flota en paro biolóxico. Non o creo. Teño moitas dúbidas respecto do poder da publicidade. Tamén as teñen as empresas, digan o que digan (cando lles vai mal, o primeiro que cortan son os gastos publicitarios e non ao revés). A información, ademais, é unha cousa complicada: o emisor pretende transmitir unha mensaxe pero o receptor entende o que quere, que é o que pasa co famoso «efecto chamada». Pero o que me interesa é outra cousa. É esa curiosa idea dun país facendo campaña contra si mesmo no exterior. O mesmo goberno que vai estar dicindo aquí que en España se vive moi ben, en Senegal vai estar dicindo que se vive moi mal. Aquí o goberno será goberno pero, por dicilo dalgunha maneira, en Senegal vai ser oposición¿ Mira, aí ten a vicepresidenta unha misión que encomendarlle ao actor Rubianes, a quen acaban de prohibir unha obra en Madrid porque se meteu con España na televisión catalana. Enganouse. É en Senegal onde se poden dicir esas cousas (que, por certo, cun vocabulario máis comedido, eran as que dicían Unamuno e os da Generación do 98 , e teñen rúas e institutos dedicados¿). Pero nin fai falla Rubianes, porque todo discurso ten un anverso e un reverso, e para darlle a volta abonda con cambiarlle os adxectivos. Ser goberno ou ser oposición é moitas veces iso: unha simple cuestión de adxectivos. Cambian os gobernos, pero os adxectivos permanecen. Os adxectivos positivos están sempre no goberno, os negativos sempre están na oposición, e ata existen sospeitas de que son os adxectivos, e non os políticos, os que nos gobernan. Así que todo o que hai que facer para poñer en práctica esta idea da vicepresidenta é coller calquera dos eslóganes electorais e turísticos (fanos as mesmas empresas) e cambiarlles os adxectivos. Os senegaleses, non teñan a menor dúbida, seguirán vindo, porque, por dura que lle resulte a vida en España á vicepresidenta, non pode competir nese sentido coa vida en Senegal. Pero nós sempre poderemos sintonizar a televisión senegalesa na parabólica e presenciar ese espectáculo insólito: un goberno que se critica a si mesmo.