É DIFÍCIL que unha familia non estea relacionada, dun xeito ou doutro, co inicio do curso escolar estes días. Nenos, adolescentes e mozos comezan a súa andaina nas aulas. A certas horas, acapararán a paisaxe, enchéndoa coas súas mochilas ás costas, os zapatos do trinque, as carpetas de colores, os libros sen subliñar, os cadernos sen páxinas escritas... Os máis cativos «sofren» o primeiro día de colexio da súa vida. O pranto e as bágoas acompañan as queixas de non querer abandonar a man ou o colo do proxenitor. Coma un deles comece a chorar, está asegurada a propagación inmediata a tódolos compañeiros. É unha onda expansiva imposible de frear. E os mestres, acostumados, vanos recollendo un a un mentres sorrín. Os máis grandes, non pensan no traballo que queda por diante, nin no longo que se fará o inverno. Pesa a ilusión de volver a ver aos amigos de novo, a intriga de coñecer quén será o compañeiro de pupitre, de aula... e qué profesores impartirán as clases ao longo do curso. ¡Como cambiaron as cousas! Cando eu ía á escola, tan só os alumnos amosaban preocupación. Agora as estatísticas aseguran que cada vez hai máis baixas entre o profesorado por depresión. Tamén hai alumnos que comezan con temor o curso, pendentes dun posible acoso por parte dos compañeiros. Prefiro lembrar o inicio do curso desde a óptica que eu vivín. A ledicia dos escolares sobrevive ante os maltratos nas familias, os atentados en oriente, a triste e incesante chegada de caiucos ás nosas costas... Os nenos son inocentes, por iso crean milleiros de anécdotas. A última sobre este tema, comentouma unha profesora que nun exame deste setembro (benvidos sexan eles de novo), pedira formar a familia léxica da palabra noite. Un alumno propuxo Noiteolvido . Iso é poesía. E eu «noiteolvido», comezo de curso escolar.