RECENTEMENTE La Voz de Galicia publicaba unhas cartas ao director que xogaban cos neoloxismos galescolas e inglescolas . Malia as súas diferenzas, o intervenientes tiñan razón en conxunto: o galego xustifícase por si mesmo e o inglés é a lingua franca do mundo. Só faltou o portugués na discusión, no momento en que o grupo das grandes potencias (o G8) convidaba o Brasil á xuntanza de San Petersburgo. Seica en Galicia non se entende que a un neno galegofalante lle sexa doado aprender o portugués; mentres que o neno falante de linguas romances hase esforzar moito para aprender o inglés. No inglés abondan as palabras monosilábicas, o cal é unha vantaxe para facer letras de cancións pero unha desvantaxe para entendelo. Xúntase a iso a cantidade de vocais que ten (difícil acertar na pronuncia de ship e sheep ; ou de course e curse , por exemplo). E para dominar a súa ortografía cómpre ser filólogo. Fronte a iso o portugués ten regras sinxelas para representar a súa clara riqueza fonética. Axiña se aprenden, e como valor engadido teñen o coincidiren coas do francés (o que fai os portugueses tan bos falantes dese notable idioma veciño). Se o portugués se ensinase en Galicia desde a escola, os galegos aproveitarían a súa maior riqueza cultural: abriríanse a 250 millóns de falantes en catro continentes. E, de paso, encontrarían fácil o francés. Non sería malo, logo, o pensarmos en portuguescolas (ou, mellor dito, galegoportuguescolas ) sen esquecermos o castelán e o inglés.