Unha de queixumes

| MARÍA CANOSA |

OPINIÓN

DIN que Pereiro é o gañador virtual do Tour. Non entendo nada. ¿Gañador virtual? ¿Pedaleaba logo nunha simulación informática ao tempo que os demais corredores o facían sobre o asfalto? ¿Que é iso de gañador virtual? Os galegos parece que nunca podemos gañar nada. Somos os grandes perdedores. Non creo que ninguén teña esquecido cando o Dépor non acadou o título de Liga, hai xa moitos anos, por un penalti pitado e non marcado no último minuto. Perdeu a liga. Non foi o gañador virtual, non. Foi o perdedor. Síntoo máis que nada por Arsenio, o zorro plateado, o paradigma da retranca galega, o que dicía, coa mirada pícara de avó, que os goles se marcaban pola escuadra, para que o porteiro nin os cheirase. Aquel día, o Dépor deixou escapar o título de Liga. Pereiro xa non perdeu o Tour, ¡gañouno virtualmente! Iso debe ser que imos mellorando. Ou non, porque levamos dez días, e, se me descoido, todo o verán, perdendo. Perdendo hectáreas do noso verde, perdendo os queixumes dos pinos, perdendo a esperanza, a paciencia... Os galegos continuamos perdendo todo o noso; o sinal de identidade. As avionetas riscan o ceo, fan piruetas achegándose ao mar e ás rías... semella un espectáculo aéreo. As lapas arrasan os montes, as casas... son fogos naturais, non artificiais. Neste mes de romarías, de festas, de troula... ¿que celebramos? ¿O aniversario das bombas de Hiroshima e Nagasaki? A paisaxe que atopo en toda Galicia é desoladora, coma se estiveramos en tempo de guerra. Sirenas soando sen cesar, rúas desertas, inquietude nos rostros, escuridade a calquera hora do día, móbiles sen cobertura, chuvia de charamonas... Impotencia. Unha apocalipse. ¿Que estamos a facer? As comarcas de Galicia son máis Costa da Morte que nunca. Disque non hai conciencia de risco. E pregunto eu: ¿hai conciencia?