O VELLO conflito xudeo-árabe vive momentos de durísimo agravamento, cara ao aniquilamento dos palestinos e unha guerra declarada entre Israel e o Líbano. Ben sabemos que as guerras se fan fundamentalmente por motivos político-económicos, desde os vellos imperios ata hoxe. Pero este conflito pode que teña tamén algunhas razóns máis, que avivezan a chama da violencia. Hai uns meses, algúns preguntabámonos por que os seguidores do islam reaccionaban tan visceralmente no conflito polas caricaturas de Mahoma. Daquela escribín da semellanza que parece haber a este respecto entre o islam, o cristianismo e o xudaísmo en distintos momentos da súa historia. No que respecta ao xudaísmo, non se pode esquecer o espírito belicoso -ata límites intolerables- que manifesta o pobo hebreo na historia bíblica, en base ao presunto celo intolerante do seu Deus («devórao o celo de Yahvé», dicían dos violentos nas loitas contra o imperio invasor). Algúns preguntabámonos se a raíz do problema puidera ser tan fonda, que estivera nunha intolerancia subxacente ao mesmo monoteísmo islámico, xudeu ou cristián; aínda que neste ultimo só cando perde a súa orixinalidade trinitaria. Hai décadas, o teólogo alemán E. Peterson publicou o ensaio O monoteísmo como problema político (1935); nel viña dicir que o monoteísmo cristián, esquecendo a súa orixinalidade trinitaria (un Deus que é relación de amor Pai-Fillo-Espírito Santo), xustificou ideoloxicamente desde o réxime monárquico-imperial da cristiandade ata as ditaduras contemporáneas. Aínda que a reflexión estaba referida ao xudeocristianismo, bastantes consideramos que o xudaísmo e o islamismo representan na actualidade os máis ríxidos monoteísmos e as máis intolerante concepcións relixiosas, aínda que teñan no seo correntes tolerantes, místicas e abertas. No caso xudeu, este monoteísmo ten algo menos de peso por ser Israel un Estado laico, pero tamén: os primeiros ministros poñen a kipah en público...); de feito, parece que os rabenos teñen menos peso social que os imáns, os mulás ou os ayatolás, que defenden unha sociedade radicalmente teocrática. Guerra Junqueiro, como resposta ás críticas ao seu libro A velhice do Padre Eterno , escribiu a finais do século XIX: «O velho Señor Deus dos Ejércitos está ainda muito ben disposto a enterrar-nos a todos e aos nossos descendentes». Creo que o cristianismo debe recuperar na práctica a súa concepción trinitaria: un Deus que é puro amor porque é pura relación; no seu interior (comuñón de amor) e no seu exterior (comuñón cos humanos e os cosmos). Coido que o Deus trinitario é a máis perfecta imaxe da unidade na diversidade necesaria que debe haber en toda relación, articulando deste modo marabillosamente a máis fermosa afirmación sobre Deus de todo o Novo Testamento: «Deus é amor». E os outros monoteísmo deberían aprender del nisto.