ISRAEL pensa que pode acabar con Hezbolá como onte pensaba que podía facelo coa OLP. Pero Hezbolá é moito máis forte, ten grande apoio social no Líbano e en dous países tan importantes como Siria e Irán. E fanáticos abondo para crear un verdadeiro inimigo exterior -e pode que agora cos suníes e chiíes unidos. Ademais, Hamás está hoxe no poder, e o seu Goberno é tan democrático como pode ser o de Israel. En calquera caso, os seus veciños van tornándose máis violentos e mellor organizados. Como é ben sabido, unha violencia leva dereito a outra violencia. E, en calquera caso, a un inferno sen saída. Israel di procurar máis seguridade, pero todo agoira que vai obter o que sempre conseguiu: máis radicalismo e máis xenreira. Arrogante, non soubo nunca achegar á súa causa aos Gobernos árabes moderados, nin aos palestinos dese signo, que os hai. Ou sexa, que nunca soubo consagrarse ao contrario do que está facendo, única maneira de resolver de verdade o problema palestino. E con el todo o do Oriente Próximo.