TRÁTASE dun povo de 26.000 habitantes a 11 kilómetros de Barcelona no Baix Llobregat. Hoxe é unha vila moderna cunha arquitectura moi aceptable, con amplas avenidas, cunha fonte de surtidores monumental centrada nunha rotonda encrucillada das principais vías. Mais trátase dun povo con agarimo dos restos que fican da vila primitiva. Sant Andreu de la Barca á veira do río Llobregat, aínda non tiña pontes mais tiña unha barca para cruzalo, de onde completa o seu nome. Ten unha Constitució del Consell de Jurats de Sant Andreu de la Barca, de 1594. O escudo deste povo fica nimbado coa coroa da Baronía, que tamén nesto de nobreza os cataláns son diferentes no dos títulos nobiliarios do resto da Península. Modernos como son, vangardistas coma toda Catalunya, teñen un gran respecto pola súa historia, da que ven a súa identidade, que forma parte da súa elegancia e da súa aristocracia do saber. Non aceptan normas que impuxeron de Madrid, do Madrid intranscendente, nin na construción nin na dialéctica. Moito temos que aprender os galegos deste povo para non destruír o que é noso, o que era noso, destruíndo os nosos rueiros e substituíndoos por eses chalecitos Tipical Pandorco , e eses dosados alimentados por esa intranscendente especulación. Os dous primeiros días deste mes de xullo Sant Andreu de la Barca volcouse con Galiza. E non era esta a primeria vegada. Hai un ano Sant Andreu de la Barca inauguraba un parque a Rosalía de Castro no Barri de la Plana. Mais este ano todo un gran parque, o mellor que teñen, cunha formidable Arboreda levan o nome de Castelao, onde unha ducia de monolitos encerran en furnas protexidas por grosos critaes, ampliados debuxos de Castelao reproducidos sobre placas de porcelana de Sargadelos. O criterio de selección dos debuxos do mestre rianxeiro obedece ás dúbidas que certos temas mantiña nun principio Castelao, e non á crítica pechada que mantiña do centralismo español. Toda esta xenerosa comprensión con Galiza débese a unha intelixencia corporativa na que no fallaron galegos, e ao saber intelixente e político dun alcalde, o doutor en medicina Enric Llorca i Ibáñez. Con el fomos atendidos polo tenente d'alcalde, regidor d'obres, o ribadense Manuel Pérez Díaz. Certo que as atencións referidas á cultura viñeron do regidor adjunt Juan Herrero Senés. E detrás de todo isto está o Cap Arxiu Históric Municipal i Patrimoni, e dicir: o Xefe do Arquivo Histórico e Documental, o noso vello e admirado amigo Xosé Lois García. Estes actos de homenaxe a Galiza foron complementados con diversas actuacións nas que non fallou o traballo de A Quenlla, unha exposición de debuxos de Castelao na biblioteca, e na Arboreda Castelao e Galicia recibiron un castillet humano como homenaxe. Houbo banda de música, gaiteiros e xigantes que bailaron. Alí nos atopamos algúns galegos que fomos atendidos a corpo de rei. A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, a xefa do seu gabinete, fina Casal, a representante do Concello de Santiago, Teresa García-Sabell, o alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro, o presidente da Fundación Castelao, Avelino Pousa Antelo, o presidente dos Centros Galegos de Catalunya. Xentes responsables de Catalunya poden ensinarnos moito. Eu aprendín deles como soportaron a derrota dos anos 39 calados. Mais no ano 42 eu xa puiden mercar unha edición de luxo en papel tina, que conservo, da obra de Prat de la Riba La nacionalitat catalana . E no día de Sant Jordi repartíase abundante papel co lema: ¡Sant Jordi, esperta ferro!