O retrato da prepotencia

| FRANCISCO RODRÍGUEZ |

OPINIÓN

20 jul 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

NA SÚA sección de El Semanal , Patente de corso , Arturo Pérez Reverte publicou un artigo intitulado «Sobre gallegos y diccionarios» como réplica á pretensión do BNG de que se retiren as acepcións 5 e 6, «tonto» e «tartamudo», respectivamente, da palabra «gallego» na última actualización do Dicionario da Real Academia Española. Comeza por denigrar ao BNG. Retrátanos como irreflexivos, ignorantes, demagogos, torpes e, definitivamente, imbéciles. Coitadiños, nen sequera sabemos cal é a misión dos dicionarios. Estas descualificacións evidencian, non unha discrepancia crítica, senón unha fonda xenreira, impropia dun suposto intelectual. A seguir, ilustrando aos lectores sobre os criterios para elaborar un instrumento de consulta tan importante como o DRAE, recoñece que as palabras da lingua conteñen avaliacións e prexuízos compartidos por amplos grupos sociais, e que os dicionarios son imperfectos e están submetidos a revisión. Reverte afirma que o Dicionario da RAE pretende amosar o español común, e que se fai un esforzo constante por detectar e corrixir as definicións que resultan inutilmente ofensivas. Pois ben, despois destes razoamentos, ¿como se pode xustificar que, precisamente agora, século e meio máis tarde da súa xestación, se introduzan acepcións denigratorias do xentilicio «gallego», restritas a Costa Rica e El Salvador, que non son de uso común, nin habitual nin comprensíbel para a inmensa maioría dos españois falantes aos que alude? Non colaboremos artificialmente a que se manteñan prexuízos ou a dar informacións superfluas e marxinais do punto de vista do uso lingüístico xeral. É sintomático que, en pleno franquismo, se retirasen acepcións pexorativas da palabra «gallego» e que agora se recuperen de forma máis inxustificada a respeito dos usos lingüísticos xerais e das novas circunstancias históricas. Neste caso, a forma de actuar da RAE converte o dicionario en menos universal e máis imperfecto. Indica falta de rigor metodolóxico colocar como acepción quinta e sexta de «gallego» «tonto» e «tartamudo», por enriba de acepcións denotativas ben máis importantes, por exemplo a que fai referencia á lingua dos galegos (7º lugar). Este criterio non se aplica nin a «catalán», nin a «vasco», nin a «judío», nin a «gitano». Un mínimo rigor esixe colocar sinonimias pexorativas ao final do artículo, subliñando o seu carácter prexuizoso. Reverte non se molestou en ler a proposición non de lei do BNG. ¿Para que? Desde o seu apoliticismo politizado e partidista, xa nos tiña crucificados. Apuntarse a denigrar a política agacha outra forma de facela. A súa «última precisión» é reveladora: desprezo polo Parlamento e pola súa lexitimidade para tratar o tema. Unha institución como a RAE, que é pública, non é infalíbel, e pode estar submetida a crítica e control. O papel da RAE non pode consistir en orientar a historia facendo aboiar prexuízos contra os pobos diferentes e vítimas da marxinación. Non debe desouvir o que xustamente se lle plantexa, e menos negarse ao diálogo. Sería grave que a RAE servise de cobertura a unha forma de facer política que nos é coñecida: a) prepotencia españolista; b) denigración da política para facela nunha determinada orientación; c) anti-nacionalismo militante; d) corporativismo académico; e) xenreira contra o diverso e diferente polo único motivo de expresarse como tal no Estado. Malia o seu aparente individualismo transgresor, este é o retrato do señor Pérez Reverte.