A NORMA de utilización de apelidos en España está ben regulada. Os cidadáns españois teñen nome e dous apelidos. O primeiro corresponde á familia paterna e o segundo, á materna. O uso de dous apelidos serve para diminuír as posibilidades de coincidencia na nomeación das persoas e vale para seguir as trazas da relación familiar. Hai países hispanoamericanos que seguen a mesma regra, aínda que nalgún deles é costume reducir o apelido materno á letra inicial. Iso pode vir motivado polo problema que a nosa norma causa no estranxeiro. Na maioría dos Estados con cultura básica europea, lei e costume conceden a máxima importancia ao last name inglés, o último nome: o apelido paterno. No caso norteamericano pode haber un middle name , o apelido materno, que adoita aparecer reducido á inicial (por exemplo, John F. Kennedy era Fiztgerald pola mai). Xa no inmediato, en Portugal, comezan as confusións, pois somos chamados, inscritos e procesados co apelido final, ao que non estamos afeitos. Aínda máis, documentos que en España son válidos con só constatar neles o primeiro apelido, deixan de selo cando alá nolos refiren ao segundo. Para quen viaxa e sofre isto a solución é pór nos cartóns de presentación só o primeiro apelido, e dar só ese nas relacións. Pero o DNI e o pasaporte xogan malas pasadas. Se cadra, no mundo globalizado en que nos movemos, cumpriría salientar nos documentos oficiais de identidade o apelido paterno como principal: main name (en inglés, que é a lingua franca dos negocios).