NESTE mes de xuño represéntase no Teatro Real de Madrid a ópera Diálogo de carmelitas , con texto de Georges Bernanos e música de Francis Poulenc. Desde a estrea na Scala de Milán (1957) foi unha das obras do século XX máis representadas no mundo occidental. En Barcelona fixeron tres funcións no Liceo pouco despois da súa estrea, pero, segundo teño lido, debérono facer mal porque Poulenc descualificouna por escrito. A Madrid chega con medio século de retraso, nun momento cultural máis ben superficial no que a temática transcendente soa a pasada de moda. A relixión só interesa para tecer tramas histórico-fantásticas, tipo Código da Vinci . Bernanos, como Unamuno, vai dereito aos grandes problemas humanos: a crenza en Deus e nunha vida transcendente, o medo a morrer, o sentido da morte... Bernanos era crente católico, pero iso non lle impedía afondar en todas as angustias humanas. Diálogos de carmelitas parte dun feito histórico, a morte na guillotina dunhas monxas do Carmelo durante a Revolución Francesa. A confrontación entre a vontade humana e os designios divinos, a angustia ante a morte, o misterio da comunión dos santos (poder dar a vida ou a morte por outro ser humano, poder salvarse pola bondade doutro) están expostos con fondura e dramatismo. Poulenc, que era coñecido polos aspectos lúdicos, de divertimento da súa obra, experimenta unha especie de conversión cando lle encargan facer unha ópera coa obra de Bernanos e creou unha música grave impregnada de relixiosidade. A posta en escena que vimos en Madrid, dunha extremada austeridade, é a da ópera de Amsterdam, toda en brancos, negros e grises, pero de gran beleza. A escena final, coas monxas cantando unha salve e co son da guillotina ao fondo, é impresionante, un deses momentos máxicos da ópera, de perfecta combinación de voces, orquestra e escenografía. Dez minutos de aplausos e bravos demostraron que os grandes temas transcendentes, cando están ben tratados, non pasan nunca de moda.