É MOI POSIBLE que, en realidade, o inferno e o paraíso sexan moi parecidos. Por iso, como pasa cos produtos entre os que non hai grandes diferenzas (os refrescos de cola, os suavizantes para a roupa), o que se vende é a imaxe. O inferno é caloroso e o paraíso fresco e perfumado, no inferno tortúrase pero no ceo respéctanse os dereitos humanos¿ A historia das relixións é en grande medida a do esforzo por mostrar as avantaxes do paraíso. Pero o consumidor queda coa dúbida porque ten a experiencia deste mundo, onde inferno e paraíso están tan entrelazados coma os dedos dunha persoa nerviosa. Véxanse, por exemplo, os voos secretos da CIA, que o último informe que circulou hai uns días ven de confirmar. Aí temos unha especie de reverso das nosas vacacións, o noso paraíso convertido en inferno. Mentres nós decidimos se imos a Grecia ou á Riviera Maia, en Berlín ou en Ohio uns señores sacan a un tipo da cama e o levan a un aeroporto onde non ten que facer cola; méteno nun avión dunha compañía de tan baixo custe que non ten nin nome, e o conducen a un destino vacacional que non aparece en ningún prospecto turístico, seguramente en ningún mapa e desde logo en ningún ordenamento constitucional. É certo que a empresa privada é pioneira. O que fai a CIA non é máis que seguir a moda do outsourcing , a subcontratación da súa produción a un país estranxeiro, e non parece que ninguén vaia protestar, como non sexa os propio empregados da CIA, molestos pola deslocalización da súa fábrica. Porque alí, en Romanía e Polonia, unha empresa de traballo temporal reuniu o vello plantel dos servizos secretos soviéticos a ver se o espírito de Stalin averigua a labazadas o domicilio de Bin Laden. Aí temos outro exemplo: eses homes traballaban para o inferno e agora traballan, polo visto, para o paraíso. Mentres, nós preparámonos para facer longas colas nos aeroportos, aturar retrasos e pagar prezos cheos de asteriscos para chegar ao noso paraíso de quince días. Pode que durante uns minutos ata compartamos pista con ese outro avión que é idéntico ao noso, pero que vai en dirección contraria. E o Ben e o Mal volverán a reunirse nun mesmo lugar, como fan con tanta frecuencia.