O NOSO país é un país fermoso, rachado polo vento. Cheo de xente ben distinta que traballa coma formigas. Homes e mulleres que queren currar aquí e non en Fuerteventura. Tanto tempo e estamos coma Estremadura, no descenso. Fúrannos as redes para non ir ao mar. Cortan o leite. Temos que facer coma os grandes xogadores, inventar onde non hai e imaxinar o que non aparece. Somos bos e xenerosos. Estamos nun sitio único. As condicións semellan perfectas, capricho de Deus. Folgos hai. Só falta que o neno bote a correr. Non queremos esmola nin palmadiñas no lombo. Queremos xustiza, coma a dos demais. Queremos un AVE e non una galiña coxa. Temos que ser como todo o que perdura: sólidos e necesarios. Á España do arco iris non lle pode faltar o verde terra e o azul mar de Galicia. Os galegos non temos espiñas. Somos fértiles, coma o país. Queremos acariñar os rapaces no colo do futuro. Queremos cobrar a débeda histórica, non histérica. Queremos menos soños e máis realidades. Que non nos conten máis contos. Que as palabras bonitas sexan só para a literatura, como a que hoxe festexamos. Galicia, de Istambul a Nova York, sentimento e cordura, unha bolboreta na boca. cesar.casal@lavoz.es