POUCAS CONMEMORACIÓNS culturais gozan dunha data tan axeitada coma a do Día das Letras Galegas. Maio, xa florido, saúda á festa da palabra, esa creación sublime da cultura do país, nunha situación social e política plenamente normalizada. A vindicación da diferenza cultural, aínda incrustada na memoria, vai deixando paso a unha celebración lúdica e gozosa, acaso cada vez máis oficial e menos espontaneamente popular. Talvez sexa o inevitable prezo desa normalización. Pero se boa é a estación na que se festexa a memoria das letras galegas e os anceios de futuro que soñamos para elas, a celebración perde pulo ano a ano. O feito de terse declarado oficialmente día festivo, lonxe de contribuír a un maior éxito da data, vaina deixando orfa de participantes. Moitos colexios pasan o día baleiros, librarías pechadas, ata bibliotecas e museos, centros de cultura en xeral manteñen a inactividade. Nestas condicións, talvez sería recomendable devolverlle o seu carácter de xornada laborable. Outras datas hai ao longo do ano para vagar. Porque de ben pouco serve burocratizar a efeméride se finalmente a súa finalidade non ten destinatarios. Se os nenos e os maiores dedican o 17 de maio a calquera actividade de ocio ao marxe do obxectivo que puxo de vermello os díxitos da data nos almanaques galegos.