Show Rajoy

La Voz

OPINIÓN

XOSÉ CARLOS CANEIRO

26 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

ELA contemplaba a foto de Rajoy e pensaba que había catro millóns de razóns para querelo: non a Rajoy, senón a el. El, o seu amado, residía no clube dos poetas: eses que pasan a vida reclamando unha ilusión para agarrarse a outra, e outra, así sucesivamente. Pensou que para amosarlle o seu amor sería lindo recoller sinaturas. Saíu con libreta e goma Milan e mirou o sol: «Hoy puede ser un gran día», dixo serrateando . Ela preguntaba, ¿mire usté, podería asinar esta petición? O individuo lía a libreta, escrita con letras maiúsculas: manifestamos apoio incondicional para que se celebre un referéndum en torno ao mes de abril e a súa perennidade. Os viandantes mirábana como unha pomba: ida, perdida, ferida. Era un asunto que debía tratarse no Parlamento. ¿Cantos estamos a favor de abril, cantos en contra? Todos apoiaron a proposta (doce meses abril) e ela desembarcou con dúas furgonetas e centos de caixas. Por fin o Parlamento votaría en torno á primavera. Todos serían abril. Tomárona por tola. Rían. Especialmente Rajoy, cos seus catro millóns de sinaturas contraestatut. Mariano negouse a asinar a favor do mes de abril. El non residía no clube dos poetas. Só prosa, só Acebes, só propaganda. Show Rajoy. Lástima.