Unha historia demasiado triste

| MIGUEL-ANXO MURADO |

OPINIÓN

19 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

REGRESA ao seu país un soldado xaponés ao que se cría morto desde a Segunda Guerra Mundial. Mentres tanto, en Londres, aparece morta unha muller á que en cambio se cría viva desde había máis de dous anos. E os dous, o soldado e a muller, crúzanse nun punto intermedio das súas viaxes en dirección contraria entre o mundo dos vivos e o dos mortos: no mesmo exemplar dun xornal, que é como coincidir nun limbo ou nun purgatorio que se renova cada vintecatro horas (unha vez lin nun diario que hai insectos que só viven ese tempo e pensei que aquel mesmo diario era polo tanto para eles un libro eterno). O caso do soldado non é moi singular, xa pasou máis veces: estes soldados que aparecen nas selvas de Oceanía, abraiados de ter perdido a guerra, non de que non durara sesenta anos. O suceso de Londres é menos frecuente pero, por desgracia, sucede de vez en cando nas grandes cidades. Esta muller chamábase Joyce e tiña 40 anos. Un día morreu no salón da súa casa, cando viña de facer a compra, e alí quedou deitada máis de dous anos sen que ninguén se preocupase por ela. Igual que se sabe que Tutankamon morreu en abril polas flores que había na súa tumba, sábese que Joyce morreu en decembro porque viña de comprar os regalos do Nadal. Durante eses dous anos a auga seguiu correndo na billa (ía fregar) e o seu buzón continuou recibindo cartas dos bancos, avisos de que gañaran un apartamento ou un coche, facturas da luz... A sociedade espera que un avise de que morreu e igual que aos defuntos das lendas os perseguen os remordementos, aos do mundo real perséguennos as bases de datos. Mentres Joyce seguía inmóbil no seu verán (deixara a calefacción posta a 25 graos) foron caducando os iogures que acaba de comprar, e logo o leite, e máis tarde as conservas. Ata quebrou o supermercado no que os comprara. Se a atoparon foi só porque alguén lle foi cobrar todas aquelas facturas atrasadas. E alí estaba, xa convertida nun esquelete, coa a televisión acesa, onde axiña falaron dela mesma nos programas de sucesos. Igual que esas cartas dos bancos e o correo non solicitado existe tamén un interese non solicitado, e a última crueldade do mundo con Joyce foi seguramente esta de facela célebre cando lle houbese abondado con que algún coñecido seu se lembrase dela.