Androcentrismo académico

OPINIÓN

ARTURO Pérez Reverte responde nun artigo, como académico, ás queixas da directora do Instituto Andaluz da Muller pola falta de apoio da Academia para facer visible a presencia femenina nas expresións do tipo «os homes prehistóricos» ou «os nenos» que abranguen a homes e mulleres. A defensa de Pérez Reverte da independencia da Academia fronte a demagoxias políticas paréceme impecable. Sin embargo, o tema suscitado é tan complexo que coido que merece algunha consideración máis que a calificación de «osadía de la ignorancia». Don Miguel de Unamuno deixou escrito que a linguaxe literaria é un instrumento «feito por homes e para homes», que discrimina e minusvalora á muller. Opinión coincidente coa de Patricia Violi, feminista contemporánea. A cuestión no é o que a Academia acepta como correcto, senón o que debería aceptar. A Academia fixou o uso social da lingua ao longo dos séculos. A lingua reflexa o que foi a vida das mulleres, a súa irrelevancia na sociedade. As mulleres só existían en función dos homes: eran a nai, a dona, a filla ou a irmá dun home que as mantiña e lles daba a súa identidade. Home público é un home que intervén na política, pero aínda hoxe o Diccionario da Academia recolle como única acepción para muller pública a de ramera . Hai estudios serios sobre o sexismo e o androcentrismo na lingua (e no Diccionario da Academia) que os académicos non debían ignorar nin desdeñar. A proposta de encher os textos de os/as non me parece boa, e penso que a solución a este problema ten que vir pola vía da Literatura e da Filología conxuntamente. Recordemos que Virginia Woolf escribiu: «Quizá o primeiro que descubriu unha muller ao coller a pruma foi que non existía ningunha frase común lista para o seu uso». Ela, igual que Jane Austen, aplicáronse a conseguir a transformación da sintaxe inglesa, e conseguírono. Penso que a solución lograriase con talento e con traballo, sen burlas e sen indignacións. Poñendo homes e mulleres boa vontade.