CÚMPRENSE cen anos do nacemento de Beckett. Foi secretario de Joyce, o gran mestre. Con el compartiu o talento, a ruptura e a paixón infinita por Irlanda. En Dublín pintaron con palabras os seus amores imposibles, que son os únicos que se poden escribir. Despois marcharon a outras latitudes argumentando que Irlanda non os amaba. Algúns din que chegaron a odiar o seu país. Non o creo. Irlanda era o seu amor imposible, o único que se pode escribir: amor inmortal, polo tanto. Eles regalábanlle o talento e Irlanda, como tantas patrias, outorgaba os aplausos aos mediocres. Samuel Beckett escribiu en inglés, a súa lingua natal, e en francés: porque non é malo escribir en dúas linguas. Entregou o importe do Nobel aos que precisaban máis ca el. Era vehemente, lúcido e orixinal. Coñéceno como autor de teatro, pero escribiu prosas e versos luminosos. Escritor amplo e proteico, inmenso. Hoxe non tería quen editase a súa obra: os editores prefiren códigos mistéricos, anestesiantes. Agora que a literatura só serve para entreter eu divago entre os dedos de Samuel. Pensaba que o azar condiciona o ser, que había algo de absurdo no existir e que só o amor pinta con luz aos humanos. Eu amo a Beckett. Irremediablemente.