NUN intelixente libro de Philippe Barbé, L'anti-choc des civilisations. Médiations méditerranéennes (Éditions de l'aube, 2006) , demóstrase a orixe nazi de certas ideas de Huntington, ou como o pensamento de Carl Schmitt está presente no seu libro e aínda no seguinte, Us and Them. ¿Schmitt ou quizais tan só o seu epígono Leo Strauss? Para Schmitt, un mundo sen enfrontamentos amigo-inimigo é un mundo sen política. Huntington vai máis alá, mestúrao todo e preséntanos animosidades entre civilizacións de hoxe, ou tamén entre culturas, no seu último libro, que serían continuacións das tensións xeopolíticas de onte, deturpando así os conceptos schmittianos de inimicus e hostis. O libro de Barbé é demoledor: os panfletos de Huntington carecen de orixinalidade e de todo alicerce serio. E, para máis, en boa parte son fillos espurios do pensamento máis reaccionario que Europa produciu. Por iso tiveron, e teñen, tan boa acollida entre os neocons e outros con eles emparentados e que xa se ve que se recoñecen como afíns.