«A España plural»

ISAAC DÍAZ PARDO

OPINIÓN

02 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

CON ESTE título celebrouse o venres último un seminario organizado pola Fundación Alternativas no Hostal dos Reis Católicos. Trátase de un dos seminarios que ven organizando esta fundación en distintas cidades para ver como pensan sobre este tema os intelectuais, profesores, escritores, industriais... Presidiu e animou o acto o vicepresidente da Fundación Alternativas, Nicolás Sartorius Álvarez de las Asturias, un verdadeiro cristal aristocrático da conduta humana máis que dos seus apelidos, ao que vai a miña admiración. Eu estiven nunha parte do seminario, e os organizadores puideron tomar boa nota das moitas intervencións, en xeral coincidentes, aínda que con matices, dos feitos diferenciais do Estado español. Algunhas intervencións non saben as virtudes que ten o poder de síntese para se facer entender. Aínda que Sartorius advertiu que as intervencións podían ser feitas en idioma galego, no tempo que eu estiven todos falaron en castelán, o román paladino, unha especie de esperanto co que nos entendemos todos os que vivimos na península Ibérica, agás Portugal. Hai que pensar que iso da «España plural» é unha forma política, a menos agresiva para a ignorancia, de definir ao Estado español como «plurinacional». Pode que politicamente o da «España plural» axude, máis que aos cidadáns da España, aos españoleiros, que non son poucos, e se sintan máis conformes, porque esa pluralidade pode referirse ao clima, a realidade xeolóxica do solo que tripamos, mais non ao carácter diferenciado dos pobos como suxeitos dunha nación definida pola súa cultura, as súas tradicións, a súa historia, a súa fala. Si, eu dixen que Galiza é unha nación, mais unha nación escarallada, porque hai novecentos anos o poder central non fixo outra cousa que ignorarnos e deixar que os galegos sen institucións propias que exerzan o goberno adicámonos a escapar dos problemas que se nos amontoaron, e así nin sequera sabemos apreciar ben o valor sinalado pola Unión Europea da rexión galega-norte de Portugal dende o sector económico, e escapamos, cando non para América, para Madrid a engrandecer ese centralismo hipertrofiado que traballa contra a realidade total do país. Tamén creamos moitas institucións, mais ningunha delas vai ao fondo da recuperación da nosa personalidade e dos nosos dereitos históricos que veñen de lonxe. Todas elas van quedando en institucións culturais, ou culturalistas, pois se algunha nace con intención de cambiar a nosa sorte, nos facemos os amnésicos do seu expolio, como é o caso do S.E.G., porque todos queremos pasar por inventores da pólvora, que está xa inventada polos chinos dende hai máis de 2.000 anos. A preocupación hoxe é ter un tren de alta velocidade para que nos coloque en Madrid en poucas horas, ou no Porto -isto menos mal- pois temos présa por chegar a ningures, e non nos decatamos que isto non vai resolver a nosa sorte. Sabemos que hai termos intocables aínda que aberrantes como chamarlle Xunta ao Goberno de Galiza, cando as Xuntas para Galiza non foron máis que elementos de explotación. Polas circunstancias históricas polas que temos pasado non cabería outra denominación que Consello de Galiza (goberno formado por conselleiros, pois os membros da Xunta serían xunteiros). Non importa que Castelao presidise un Consello de Galiza, porque Castelao nos sirve moito para encher a boca de propaganda e para facerlle unha ofrenda floral.