A condición das mulleres

ISAAC DÍAZ PARDO

OPINIÓN

12 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

AÍNDA que elas son a nai da humanidade só agora estanse a celebrar actos reivindicativos dos seus dereitos na nosa terra dentro do mundo occidental o que noutras partes deste planeta pode que tarden séculos en conseguilo. Coincidente co Día da Muller Traballadora, a presidenta do comité sindical da fábrica de Sargadelos, Roxelia Mariña, que leva moitos anos exercendo ese cargo, defendendo os dereitos das súas compañeiras e compañeiros, que a elixen pola súa responsabilidade e o bo facer, foi premiada polo seu sindicato cunha insignia de ouro. Certo, hai que recoñecer que é unha persoa responsable no seu traballo, pero que ao mesmo tempo defende ben os dereitos dos traballadores que representa. ¡Se o saberemos nós! E hoxe, luns, 13 de marzo, as mulleres que traballan en Sargadelos, que son unha inmensa maioría, organizan un acto, que presidirá o conselleiro de Traballo, Ricardo J. Varela (sobriño do meu vello amigo o socialista Jacinto Calvo), para facer un recoñecemento aos que fundaron o novo Sargadelos, é dicir, polos que apostaron pola defensa dos dereitos da muller, a xente do Laboratorio de Formas que traían a voz dos exiliados galeguistas republicanos. Neste ano da recuperación da memoria, aínda que algúns non a tiñan perdida, é convinte que a xente nova, e non tan nova, á que lle ocultaron a realidade que ten acontecido neste país, poda saber como foron as cousas acó, pois cando a historia se oculta, falla a experiencia humana do factor que corrixe os erros, e a historia se repite. Aínda que a desvalorización da muller ven de lonxe, e aínda non se sabe por qué, non hai máis que ver a pouca estima que aínda ten nas relixións; poucos saben que antes de se proclamar a II República en España, as mulleres por non ter non tiñan nin dereito a voto. É dicir, non contaban como seres racionais. Foron tres mulleres de alta formación intelectual, deputadas no primeiro Parlamento republicano no 1931, as que conseguiron o sufraxio feminino, polo que cando o franquismo elas tres tiveron que seguir o camiño do exilio e morrer lonxe da súa patria: Clara Campoamor, nace en Madrid no 1888 e morre en Lausana no 1972. Marchou primeiro á República Arxentina e instalouse definitivamente en Suíza. Ten publicado El derecho femenino en España e La situación jurídica de la mujer española . Victoria Kent, nacida en Málaga no 1898, morreu en New York no 1987. Xurista e política, pertencía a Acción Republicana. Durante a República foi directora de Prisións. Margarita Nelken, nacida en Madrid no 1896, morre en México no 1968. Socialista. Publicou La condición social de la mujer en España . Para completar esta nota que expón o drama da muller, afortunadamente superado, vou rematar con algo máis divertido, mais non menos significativo a onde chegaba o franquismo ocultando a historia. Celia Gámez era unha cupletera de revista, arxentina, que se instalou en Madrid, e acadou un gran éxito antes do 36 co espectáculo teatral As Leandras . Nunha das estrofas cantábase: «...Anda que te ondulen con la permanent y si te sofocas que te den colorem; se lo pues pedir a Victoria Kent que lo que es a mí no ha nacido quien...». Co franquismo obrigaron a substituír o de Victoria Kent por un pollito bien , pois na súa función de ocultar a historia o réxime non podía permitir que se soupera a existencia desta xurista