Miami en castelán

OPINIÓN

25 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

ACABO de chegar dunha viaxe de conferencias por Estados Unidos, por Miami e Houston. Moita xente pregúntame se vin a Rocío Jurado e se me bañei en Miami Beach. Fican sorpendidos cando lles digo que non. Polas conferencias só preguntan os amigos literatos, mentras que os pintores, preguntan se puiden ver a capella de Rothko, que sí vin, porque era a razón fundamental de ter aceptado tan longa viaxe. Pero antes de chegar a Houston pasei varios días en Miami, cun frío case polar. Menos mal que, como boa galega, eu non solto o abrigo nin o gorro ata o mes de agosto. E boa falta que me fixo. Gracias a tal indumentaria puiden comer un par de veces á orela do mar mentres os turistas americanos quentaban os seus corpos arrepuiñados de frío nos poucos restaurantes con calefacción. Miami pareceume unha de tantas cidades caribeñas, con menos encanto que La Habana, pero co mesmo mar clarísimo, a mesma vexetación exuberante, pero con tendas e edificios onde se coñece que hai máis cartos que na veciña illa de Cuba. Hai que destacar a importancia da lingua española, tanto no sector turístico como no mundo universitario. Os de orixen hispano son bilingües e están en clara situación de ventaxa fronte os angloparlantes. Aos únicos que polas rúas se lles oía falar en inglés eran aos turistas de clase media americana que van alí a celebrar aniversarios ou a viaxes de boda. A zona das grandes mansións de millonarios vímola só por fóra, e non lles podo dicir en que idioma falan os seus propietarios. Según o libro que me regalaron no consulado, El español en el mundo , os estudios e o uso da lingua castelán están aumentando en todos os continentes. Eu fíxenlles notar que excepto en España, pola banda do Nordeste. Outro detalle que me chamou a atención foi que no xornal USA Today , onde na páxina do clima dan as temperaturas de todo o mundo, a única capital europea que non aparece é Madrid, nin ninguna outra cidade española. Ninguén soubo darme unha explicación. ¿Curioso, non?