Aceleirar o Impaís

OPINIÓN

25 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

CELEIRO. Día de sol invernal de 2006, cheiro de peixe fresco, mar que na lonxura se anuncia bravo, branco de rompentes. Conversa chea de termos técnicos: enerxía de propulsión dos buques, axudas electrónicas á navegación, automatización dos procesos de pesca, mellora da conservación das capturas, telecomunicación constante, trazabilidade do produto, xestión das poxas en lonxa, loxística do transporte terrestre... Mareas e vento serán inesgotables fontes de enerxía mentres o sol continúe o seu proceso de fusión nuclear. Dunhas e do outro pódese obter a enerxía que permita disociar a molécula da auga para, con ela, conseguir hidróxeno e osíxeno. Con eles pódese producir electricidade nas células catalíticas. Coa electricidade pódense mover os propulsores dos buques e manter as atmosferas das cámaras de conservación; e alimentar os procesos robotizados de pesca; e gobernar os servomecanismos das velas que axuden a navegar co vento, aforrando combustible. E, por suposto, enerxizar as fontes de alimentación dun conxunto de ordenadores e sistemas de telecomunicación que optimicen a vida do barco e dos seus tripulantes... A Coruña, noite de inverno de 1976. Ambiente recollido e cargado de tabaco. Un grupo de membros da Agrupación Cultural O Facho repasa as fotos dun «safari toponímico» que está a facer (Haciadama, El Valle de Oro, La Cabana...). Son tempos sombríos. Visto o que ven, xorde a palabra para cualificalo: «Impaís», algo que nin país é. Mais pasaron trinta anos. Galicia seguiu a perder cerebros; e, sen embargo, aínda existe. Existe, produtiva, en Arteixo ou en Vigo. Pero tamén en Celeiro, onde a teima de inventar e avanzar compite coa das ondas que se meten pola ría de Viveiro. Pasados os anos, nace outra palabra de cuño novo: «aceleirar», facer como en Celeiro, especializarse nunha industria sen medo a facelo na periferia das periferias. E bourear, petar, insistir, alancar, furar, albiscar... Cómpre aceleirar o Impaís.