Luísa Castro

La Voz

OPINIÓN

XOSÉ CARLOS CANEIRO

08 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

ESCRIBE descalza sobre a area, levitante, como unha Rosalía de Foz. Hai moitos anos lin os seus primeiros versos e, dende aquela, leo a Luísa como un conxuro contra a memez. Redacta en clave de sol: ilumina. Sinxela, humilde, amable. Cando fala ten fonética de mar brava, cantábrica, como un ocaso de tigres. Quéroa e quéreme, a distancia. Acaba de ganar un dos premios principais da literatura hispana. O mesmo que ganaron Vargas Llosa, Cabrera Infante, Caballero Bonald, Goytisolo, Marsé, Carlos Fuentes, Benet¿ Haberá alguén que non lle dea importancia a estas cousas. O país galego é tamén territorio de odios cervais, sectarismos necios, e puristas que fan da impureza a súa norma. Dixen unha vez que non me importaría ler un libro seu con páxinas en branco: sería igual de lindo. Eu, que non brindo por min, brindo por cada éxito de Luísa: son os meus premios, tamén. Ela lévame a min, e a ti, entre as liñas da súa literatura. Leva a Galicia nun saco con destino ao corazón. Presume de nós. Ri cando di laranxa, solpor, bolboreta. Calquera noite escribirei entre os ollos da lúa os ollos transparentes de Luísa. Transparentes como a súa literatura: descalza sobre a area dos días. Como unha Rosalía de Foz.