ULTIMAMENTE nos estamos poñendo estupendos con inusitada soltura para ser galegos. Este abandono da liña tradicional de comportamento, non sei se por causa da penetración de Freud (lido Froiz) na sociedade galega, está sorprendendo máis aos propios que aos alleos, porque constitucionalmente alleos non hai. Esta soltura de país en vías de normalización evidénciase en feitos tan distantes entre si como a Academia faga autocrítica, a conselleira viaxe a New York ou Touriño fale catalán na intimidade do Hostal, pero non se deixa sentir con igual contudencia en asuntos de calado sutil, como por exemplo, o sexo. Despois de asistir a tres mil congresos diferentes de calquera expresión cultural do país (deste, claro está) a única conclusión á que cheguei ao final dos arrebatados debates, dos inconclusos razoamentos dos poñentes, da última petición de palabra para referir sempre unha anécdota reveladora, a única conclusión é que a cultura galega anda escasa de sexo. Non porque os que practican a cultura non practiquen o sexo na intimidade da súa vida íntima senón porque na produción cultural do país é un argumento mal tocado: ou lírica ou ciencia. O sexo en Galicia está case sempre implícito e digo eu que para unha cousa agradable imos e a deixamos como sobreentendida. Motivos seguro que hai, pero eu quero consolarme pensando que o sexo cultural galego só está desaparecido no combate nocturno.