No doy hecho

OPINIÓN

28 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

O PROFESOR dá aulas en galego sobre materias fillas da Física. E ten a teima de que o galego volva ser o que o fixeron ser os poetas da Idade Media (ou o Andrés do Barro): un romance irmán do castelán, que se usa para oír cousas ben ditas ou mellor cantadas. Logo de comezar o curso na facultade fai un rápido mapa da fala dos alumnos, polo que este ano descubriu que a Graciela é natural do Gran Buenos Aires, que lle dan nación os seus apelidos italianos; que chegou aquí falando de xeito crioulo e agora fala e escribe un galego que para si quixeran os locutores da RG e os presentadores de TVG... Recentemente o profesor falou na aula dun caso como chamada de atención en col de algo que nada ten que ver coa dixitalización de sinais de vídeo, asunto da lección do día. A lección era outra, que a Graciela aproveitou mellor ca ninguén. Contou que nun mostrador de atención ao público había dúas mozas, con senllos letreiros nos que se mostraban claros apelidos galegos. Metidas no enguedello dos ordenadores, os auriculares e os micros, cruzaban frases en casteláns distintos, e impropios nas bocas de ambas: unha era galega e a outra, malia o apelido, arxentina (ou uruguaia). A galega queixouse das esixencias da compañeira cun «Hija, es que no doy hecho», ao que a riopratense respondeu: «Pero como podés hablar así. Mirá que sos bruta». A galega calou; non defendeu a pantasma da lingua herdada que lle fai caer en erros de traducción. Daquela entrou outra rapaza, que, logo de pór papeis enriba do mostrador, expuxo a súa demanda en correctísimo galego. A galega atendeuna en castelán agalegado mentres a estranxeira ben falada ollaba para a clienta con cara de profundo desprezo. E cando rematou a operación, comentou: «Pero qué gente bruta, mirá vos. Y es universitaria...». O profesor pasou ás formas de onda e ás mostras, sen comentarios. Pero os alumnos xa lle saben a opinión: hai inmigrantes e inmigrantes. Como hai galegos e galegos.