O popular Feixó

| SANDRA FAGINAS |

OPINIÓN

A CHEGADA de Núñez Feijoo á presidencia do Partido Popular en Galicia encheu os días pasados páxinas de periódico e minutos de televisión. A sucesión de Fraga levouse a cabo, segundo os membros do PP, cunha excelencia envexable, pero co que non contaban era con que o candidato Feijoo, agora xa presidente do partido, ía encher de dúbidas a moitos dos periodistas que teñen que escribir diariamente o seu nome. Dependendo das fontes, atopamos Feijóo, Feijoo e ata hai uns días no programa de Buenafuente apareceu Feijo. Sabendo que en castelán a Academia explica que as palabras graves rematadas en vogal non levan acento gráfico (é o caso de Feijoo, que pon como exemplo), desde aquí o único que se me ocorre é que quizais non sería mala idea dar outra posibilidade ao apelido e convertelo en Feixó, moito máis popular (seguro) e moito máis coñecido polos galegofalantes. Se rastrexamos, a forma feixó remítenos a feixón, á 'planta herbácea con talos febles e rubideiros, follas grandes e flores brancas, cuxo froito nace en vaíñas con varias sementes en forma de ril', o que todo o mundo coñece habitualmente como faba. En galego, fálase de faba e de feixón, pero nunca de xudía con este significado (só como feminino de xudeu). Son comúns os feixóns no caldo ou con ovos, pero os feixóns deron nome tamén a unha popular comida coñecida como feixoada, que en Galicia é sinónimo de fabada ('comida elaborada a base de feixóns cocidos, con chourizo e touciño'), pero que no Brasil dá nome a outro prato: un cocido glorioso que reúne carnes, especialmente de porco, arroz, os indispensables feixóns, e cachos de laranxa. Pero se a feixoada é popular en Brasil, popular é entre os galegos outro prato menos elaborado: o freixó, nalgunhas zonas pronunciado como feixó, que está composto de fariña, leite e ovos, e que se parece no aspecto ás suculentas filloas do Entroido. Hai freixóns ou feixós aos que se engade febra -carne de porco sen graxa-, e ata hai freixóns de sangue de porco. Exquisiteces da Galicia popular que debe coñecer todo galego popular polo seu propio nome.