«Paradojas de la torre de marfil»

| ISAAC DÍAZ PARDO |

OPINIÓN

23 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

É SÓ unha suxestión da excepcional carpeta de Luis Seoane, que se ía completar con aquela outra Fardel de exiliado : Un hombre sin opinión , Nosotros somos el enemigo interior , Hay quienes se fortalecen con nuestra ignorancia ... Foron estas paradoxas de Luis as que concitaron outras paradoxas, da ética e da estética, para nos entender, pero máis domésticas. O último venres inaugurouse no Colexio de Fonseca a exposición sobre Jesús Bal y Gay con motivo de se comprir os cen anos do seu nacemento. Trátase dunha excepcional exposición, ela e o seu catálogo, que a moitos estanos abrindo os ollos, sobre as relacións que tivo na súa vida este intelectual. Cando rematou a presentación desta excepcional lección de historia o secretario do novo Seminario de Estudos Galegos díxome que as seis intervencións que tiveron os presentadores foron moi boas e ben informadas, que entenderon moi ben a importancia do vello Seminario, mais a Alfonso Mato resultoulle curioso que ningún dos oradores fixese mención de que neste Salón Artesonado estivera a sede do Seminario de Estudos Galegos até o 18 de xullo do 1936. Eu non rexistrei tal omisión porque xa teño pouco ouvido. Se Alfonso Mato ouviu ben a culpa é deses letreiriños redondos e dourados que puxeron nos edificios históricos con motivo dos 500 anos da fundación do colexio que deu pé á Universidade compostelana, e a algúns dos responsables daquelas datas non lles conviña relembrar historias da Guerra Civil, como viña sendo norma dende 1936. Non é de extrañar que sucedan estas cousas, que neste caso teñen pouca importancia para o público en xeral. Cando no 73 publícase o recuperado Cancionero Gallego non se fan as biografías dos seus autores: Eduardo Martínez Torner e Jesús Bal y Gay, coas súas vicisitudes de padecer os dous o exilio e Torner morrer nel. Craro que deste habería que falar da súa colaboración no Instituto Español de Londres, creado por republicanos exiliados co apoio dos profesores ingleses Murray, da Universidade de Oxford, e Trend, da de Cambridge, con Salazar Chapela como secretario. Nel coñecín a Luis Cernuda, a Federico de la Iglesia, a Pablo de Azcárate e sobre todo a Eduardo Martínez Torner, quen recordaba, coido que con nostalxia, moitas cousas de Galiza nos cinco anos que a recorreu con Bal y Gay; aínda que xestionados polo Centro de Estudios Históricos, ficaban máis inspirados polo Seminario de Estudos Galegos ao que pertencían como activos e protectores segundo os rexistros que hai; e eles dous son os autores de folclore musical de Terra de Melide . Cando agora se está a falar dos estatutos de autonomía, conviña recordar como pensaba o Seminario de Estudos Galegos, que foi quen fixo o primeiro anteproxecto. Ningunha outra institución tiña máis compromiso con Galiza que o Seminario, por eso foi a primeira que eliminaron, inmolando a doce dos seus membros, nos que estaban Bóveda e Ánxel Casal, mandando ao exilio máis de vinte, dos que unha ducia morreron aló, e sancionando practicamente ao resto. Craro que os galegos temos pouca sorte ou poucos defensores, porque o Institut de Estudis Cataláns, logo de tres anos de loitar na Guerra Civil contra o franquismo, saiu dela sen perder o seu patrimonio, aínda que prohibido. E hoxe ten todos os favores da Generalitat.