EXISTEN diversos termos que serven na lingua para obxectivar a liña gradual que define a beleza. É certo que custa en xeral expresar, así, sen máis, que alguén é belo, guapo. Custa dicir a palabra, especialmente cando non se trata dos nosos. Os de fóra, guapos, guapos son poucos. Mesmo se un pretende establecer unha estatística entre os actores categorizados con ese substantivo xorden dificultades. Poucos son os guapos de verdade. É aí cando entran os matices, desde guapiños (sempre mitiga un pouco) pasando por atractivos, sexys, interesantes, doces... No caso das actrices, máis do mesmo: guapas, guapas... poucas. Entre este ir e vir de termos hai un en galego que é percibido como espiñoso por parte dalgunhas mulleres, por quedar ás portas da beleza total: o adxectivo feitiña. ¿Son realmente guapas aquelas mulleres cualificadas como feitiñas? En sentido estrito, dise que unha persoa é feitiña cando ten o rostro e o corpo ben proporcionados (A súa moza é moi feitiña), e é de uso habitual para referirse aos nenos pequenos, sobre todo aos bebés. En realidade, na linguaxe cotiá aplícase tamén a algunha parte do corpo, non sempre a todo o conxunto (Ten unha cara moi feitiña; Ten os pés moi feitiños...), e ata no castelán de Galicia calcamos o termo galego nos adxectivos hechiño/a, hechito/a: «Tiene unas piernas muy bien hechiñas». No entanto, todas estas expresións dan a idea de fermosura, pero só de certa fermosura, dunha fermosura mitigada, con minúsculas. Unha cara feitiña é sempre menos que unha cara preciosa, que unha cara lindísima, que unha cara guapa. Un corpo feitiño é menos que un corpo perfecto, que un corpo espectacular, que un bo corpo. Pero hai no cualificativo feitiña ou feita unha connotación positiva, ou aínda máis, moi positiva, positivísima por parte de quen a expresa. Quen emprega esta forma é porque ten cariño, acepta con agarimo, á persoa á que llo aplica, non existe dobre intención, nin cabe a envexa, como sucede con outros adxectivos como guapo, precioso, espectacular, que poden ser utilizados ás veces en contra. Incluso feito/a serve para expresar non só a beleza física, senón interior. Por iso, sempre que se escoita aquilo de «¡Que feita é!», «¡Que feitiña é!», «¡Que moza tan feitiña!», «¡Que cara máis feita!»... penso na mala sorte das guapas.