Aviso de problemas

| UXÍO LABARTA |

OPINIÓN

30 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

ABANDONADA a idea de atender desta vez o tratado no Consello de Pesca do Nadal da Unión Europea, onde pouco máis cómpre que tocar a mesma peza con variacións apenas na carga de bombo, non quero despedir o ano sen unha volta por un dos mundos propios. O do mar. Non é noticia menor a decisión da Unión Europea de prohibir a pesca con artes de enmalle nas súas pesquerías de fondo. Séntense amolecidas as empresas de capital galego, residenciadas noutros países da UE por mor da facilidade para obter mellores cotas de pesca, por esta recente prohibición. Mais sen me querer pronunciar sobre dunha vella retesía -volanta fronte palangre, ou ambos os dous verbo do arrastre-, ninguén esquecerá a famosa guerra das volantas que libramos no 1994 contra do seu uso por parte de Francia, Reino Unido ou Irlanda, na pesquería do bonito. Porque aquel conflito á contra das volantas, levado no nome do conservacionismo e a pesca sostible e no que excepcionalmente tivemos como aliado á tantas veces deostada Greenpeace, pode explicármonos que a prohibición daquela conseguida dera agora nesta decisión da Unión Europea de retirar o enmalle a máis de 200 metros. Camiños que se empezan teñen difícil volta atrás. Digo tamén que andaba o polbo escaso nos nosos mares. E dérase xa en observar que de hai anos decrecían os rendementos desta pesquería. Chegou logo o Prestige e as cousas foron a peor. Pechouse a pesquería na primavera do 2005, por mor de que recuperara, mais non foi ese o resultado. E cando de novo se fala de prepararen un plan para a súa recuperación no 2006, damos coa resolución do Tribunal Supremo que, invalidando decreto e orde de hai sete anos, dálle dereitos sobre do polbo a quen aquel outro goberno galego dera en retirarllos: os practicantes da pesca deportiva. Seica trinta mil. Matinan os polbos: ¡éramos poucos! Aviso de problemas, de sempre adiados. Daremos nós, os galegos, en celebraren cabodanos dos males que mantemos. ¡Bo ano, bateeiros!