Galicia: de todos

LUIS VENTOSO

OPINIÓN

HOXE chega un vello desexo de moitos de nós: o debut real -sen lembrar a prehistoria do fútbol- da selección galega. En contra do que latricaban os sucursalistas de Madrid, temos pernas e corazóns suficientes para artellar un equipo moi competitivo, que non é peor que unha Chequia ou un Eire. O debut de Galicia abre a porta a un soño que acariñamos algúns: xogar algún día todo un Mundial. Se Escocia e Gales, con moito menos autogoberno que nós, están aí, ¿por que non Galicia? Hoxe é un día ledo, pois, para o país. Pero a festa é de todos os galegos. Non sería nin xusto nin elegante que a fantástica selección galega pasase a ser unha marca política máis ao servizo do terceiro partido de Galicia, que, para ben ou para mal, tan só representa a día de hoxe ao 18% dos votantes galegos.