ERAN dúas familias: un matrimonio con dúas nenas e outra muller cunha rapaza de uns dezaséis anos. Ían sentados nesas butacas que están unhas en fronte das outras e falaban cun volume de voz que podía oírse tres filas ao redor deles. Falaban dos estudios dos fillos e, sobre todo, dos profesores. Polo que dicían, trátabase dun centro público. Comezaron comentando as notas do trimestre, que eran malas, e en ningún momento plantexaron a responsabilidade que os fillos poideran ter nos resultados desfavorables dos exames. Toda a culpa era dos profesores que non explicaban ben, impacientábanse cando se lles pedían explicacións, «tiñan manía» aos alumnos ou calificaban según o humor de que estivesen aquel día. As adolescentes falaban sen ningún respecto dos profesores, e os adultos chegaron a verter insinuacións que poderían ser obxecto dunha denuncia. Así, a nai da rapaza asegurou que a profesora de matemáticas suspendía moito máis ás nenas que aos nenos. O home do grupo aproveitou a ocasión para dicir que eso era porque os nenos eran máis intelixentes e se lles daban mellor as ciencias. Nese momento a súa muller e as súas fillas protestaron enerxicamente. O home replicou: ¿Entón que pasa, que lle gustan os nenos? A outra muller dixo con toda convicción: ¿Que vai ser ser senón? A escena pareceume representativa da situación actual do ensino: familias e alumnos aliados contra os profesores, dispostos a cargar sobre deles todos os fracasos escolares, sen considerar a parte que lles corresponde a eles mesmos. ¿Que respecto van inspirar uns profesores que son obxecto de críticas constantes por parte dos pais dos alumnos? ¿Como impoñer a disciplina indispensable para o bo funcionamento dun centro cando son sistemáticamente desprestixiados e ata infamados en público? Este problema non se contempla nos intentos de reforma do ensino. Pero mentres non se recupere o respecto aos ensinantes, base da educación, as reformas nacen condenadas ao fracaso.