APARECEU nunha sección de noticias insólitas: o robot Asimo atopou traballo. O insólito, por suposto, é que se trataba dun robot; pero non hai que descartar que nun futuro o simple feito de atopar traballo, xa sexa un robot ou un ser humano, empece a considerarse insólito. A este robot xaponés sígolle a pista desde hai algún tempo. Fabricouno a empresa Honda no ano 2000 como un alarde de poderío tecnolóxico. Pesa 54 quilos, mide 1,30 (o que medía o Australopitecus ), desprázase ata a 60 quilómetros por hora e, de todas as aparencias que lle podían ter dado, os técnicos de Honda fóronlle dar, precisamente, a aparencia de robot. Ou, máis ben, Asimo parece un xoguete que quere imitar un robot ou un robot que quere parecer un xoguete. O interesante do caso é que Honda, unha vez feita a graza, non sabía que facer con este ser. Na cultura europea existe a lenda do Golem, na que un rabino de Praga (Kafka dicía que era un antepasado seu pola rama materna, os Loew) crea un robot que se acaba convertendo nun asasino. Este Asimo , en cambio, acabouse convertendo en algo moito máis raro na cultura xaponesa, e no fondo moito máis temido: un parado, o único parado con residencia en Honda City; porque Honda ten a súa propia cidade, máis grande que Lugo. Para saír desta situación, Honda fixo con el o que se fai nestes casos: mandalo a estudiar. No caso do robot, isto consistiu nun longo proceso de autoprogramación. Agora, finalmente, con esta preparación que equivale a unha carreira universitaria (foron exactamente cinco anos) o robot atopa un traballo¿ de recepcionista. Interesante. É como para desanimar a calquera. Como a do Golem, esta do robot Asimo poida que sexa unha metáfora social á que habería que atender. Houbo un tempo en que se nos dicía que as máquinas acabarían por substituír ás persoas no mercado de traballo; agora resulta que ata as máquinas teñen dificultades para atopar emprego, e cando o atopan é un contrato lixo de tan pouca calidade como os que lles ofrecen aos licenciados en Xeografía e Historia. E é que, a pesar de que robot significa, xustamente, traballo duro ( robota , en checo, a partir dunha obra de teatro de Karel Capek), despois de cinco anos e tanta historia, todo o que vai facer este Asimo é servir bebidas e facer reverencias aos visitantes.