HAI GRANDES diferenzas entre as linguas á hora de empregar unha palabra que defina a relación entre unha parella heterosexual. Aquel/a que casa con outro/a é etiquetado na lingua con diferentes expresións que abranguen un abano de posibilidades dependendo do rexistro máis ou menos culto no que nos movamos. É certo que ultimamente, e como xa se comentou nesta mesma sección, hai certa tendencia a evitar esa etiqueta (marido/muller) en determinados contextos. Cada vez con máis frecuencia un presenta á súa parella formal polo nome propio, para evitar ese ¿incómodo? formulismo: «Este é Luís», «Este é Xosé»... Sen máis. O mesmo sucede á inversa: «Esta é María», «Esta é Xiana»¿ Ningunha aposición, ningún substantivo que especifique de quen se trata. Nesas presentacións o contexto resolve na maioría dos casos a situación, pero noutras quedamos coa dúbida (¿Quen é María? ¿Quen é Luís? ¿A súa muller?, ¿o seu marido?). Tendo en conta esta moda que callou especialmente entre as persoas da xeración máis nova, entre os que xa teñen certa idade, a cousa está moito máis clara. E o galego nisto diferénciase doutras linguas. Resolve o inglés cun husband e unha wife; o francés cun époux (ou mari) e unha épouse; o español con marido e mujer, pero no galego alí onde hai unha muller¿ hai, cando menos, un home. Así de sinxelo. Polo menos nese punto ambos sexos están equiparados, e son comúns expresións como: Vou buscar á miña muller; O meu home está traballando¿ Ningún intento de tradución literal permitiría cambiar ese home galego por man, homme ou hombre , en función das linguas. En castelán, advirte o dicionario de María Moliner que a palabra hombre co significado de 'con respecto a una mujer, su marido' ten un carácter vulgar nese idioma. A ninguén se lle ocorre, salvo nun sentido hiperbólico, anunciar en castelán: Acaba de llegar tu hombre ; pero si, Acaba de llegar tu mujer . No galego esa diferenza non existe. Por home enténdese, ademais 'do individuo macho da especie humana' e por extensión 'individuo da especie humana' (O home viaxou á Lúa) , o 'marido' de alguén: O meu home está na casa . Secasí, os homes e mulleres teñen en galego o mesmo tratamento respecto ao casorio, aínda que non se poden desbotar outras expresións. Para o sexo masculino, existen os termos home, marido e esposo , este último cun carácter algo máis formal. Para o sexo feminino, ademais de muller, contamos con esposa (tamén formal) e dona , termo este que, segundo o dicionario galego, ten exactamente este mesmo significado: 'esposa, a muller casada respecto ao marido' (A miña dona) . No entanto, a palabra dona aparece restrinxida cada vez con máis frecuencia a rexistros literarios. Convén controlar estas formas lingüísticas, convén controlar a lingua antes de que algunha muller solte iso de: «O meu home ideal é¿ o teu home». falar.ben@lavoz.es