Libros e ordenadores

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

REUNÍMONOS esta noite os editores a celebrar xuntos a festa do libro galego: a festa profesional do libro, deberiamos dicir, como industria e como discurso. O libro como territorio do coñecemento e vía de acceso á modernidade. Foino historicamente e segue a selo hoxendía. Mais tamén como produto industrial que a sociedade demanda, critica, aplaude ou rexeita, acolle ou ignora (segundo a calidade e o interese do mesmo). Tamén deberiamos reflexionar sobre esta cuestión, os creadores do libro. As sociedades contemporáneas utilizan os hábitos de lectura e de consumo de libros coma un dos termómetros máis eficaces para medir a calidade de vida, a saúde cultural da pobación e, moi principalmente, as súas capacidades de acceso á información e á creación de saberes, factor fundamental para calquera estratexia de progreso. As sociedades lectoras son as que máis activas teñen esas capacidades de desenvolvemento: político, cultural, tecnolóxico e económico, a todos os niveis (Francia, Alemaña, Gran Bretaña, o norte de Italia, os países escandinavos, Holanda, Luxemburgo, Bélxica...). Á cola da comparación, cando menos no marco da UE, estamos os españois, os gregos e os portugueses. Non deixa de ser significativo este dato, á par que alarmante. E por debaixo da media dos españois, os galegos (aínda), malia os avances que se produciron nas últimas décadas (que certamente se produciron). Cadra a festa profesional do libro, que se celebra esta noite en Compostela, coas cifras que o INE acaba de ofrecer sobre a implantación da sociedade da información e o coñecemento, cifras que este xornal recolleu hai uns días. Tamén neste aspecto (fundamental para debuxarmos o futuro) temos carencias obxectivas que haberá que corrixir. Unicamente o 19,1% dos fogares galegos teñen acceso a Internet, once puntos por debaixo da media española, que é do 30,6%, e ¡vintesete puntos por debaixo da media da UE (46%)!, segundo o barómetro de Eurostat. Outro síntoma que invita á reflexión é a necesaria toma de medidas, que han ser esencialmente políticas e de planificación: dotación de infraestruturas, modernización do parque informático, educación de usuarios dende a escola, estímulo de iniciativas, etc., igual que reivindicamos a formación de lectores e a dotación de bibliotecas. Hai poucas semanas celebrouse en Santiago de Compostela o II Simposio do Libro e a Lectura, que reuniu a estudosos, creadores, axentes editoriais, distribuidores, libreiros, técnicos e mediadores para reflexionaren xuntos arredor da relación do libro, como produto tradicional, e as novas tecnoloxías da comunicación (TIC). Todos cadraban no mesmo: o libro, como soporte do coñecemento, está máis vivo ca nunca, pero sometido ás necesarias transformacións que impoñen os tempos. A relación entre o libro e as TIC non só non son de hostilidade, senón que nas sociedades máis desenvolvidas aparecen como realidades complementarias e mesmo interdependentes. As sociedades lectoras son, significativamente, as sociedades que máis desenvolvemento amosan cara á implantación e uso das novas tecnoloxías, entre outras razóns porque estas (as TIC) esixen unha capacitación crítica dos usuarios que só é posible dende a información e o coñecemento, e a lectura é o acto libre, sistematizado e autónomo que nos proporciona acceso activo a esa capacitación (non axentes pasivos, nin simples consumidores do discurso que nos impoñen outros). Facer lectores, hoxe máis ca nunca, equivale a facer cidadáns, individuos competentes (capacitados) para afrontar os novos tempos, que están aí, e non agardan por nós.