Temos que redeseñar Galiza

ISAAC DÍAZ PARDO

OPINIÓN

11 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

CUNHA superpoboación e sen un Goberno propio dende que se independizou Portugal, cunha xeografía difícil nunha sucesión de montes, coa excepción da Terra Chá, o pobo galego viveu separado polas ondas do terreo, configurando unha manchea de municipios, parroquias e lugares que foron dando carácter ao noso minifundio, ao que responde a nosa desconfianza, tamén en parte ao noso aldeanismo, que saben aproveitar moi ben os máis listos de cada bisbarra. Este abandono e sometemento no que viveu séculos a nosa terra foi empobrecéndoa mentres ía creando agrupacións familiares e veciñais como elementos de defensa económica, aproveitando os recursos que tiña a man. Nas terras improductivas, de árdego e arnado, chantaban as construcións e a eira; mimaban o monte que lles proveía de madeira e enerxía; e se algún agrupamento tiña perto un río era un privilexio e cultivaba o liño. Algúns situados nas millores terras concretábanse en rueiros como verdadeiros baluartes económicos, que foron creando en moitos lugares. Máis adiante no tempo foron nascendo os pazos como centros de explotación agrícola dunha bisbarra. Nos pazos vivían os señores que explotaban as terras que tiñan a man, coa axuda de caseiros e criados. No primeiro andar dos pazos vivían os donos da explotación, e a ese andar accedíase por unha escaleira exterior de pedra coñecida como patín. Na pranta baixa estaba a bodega, os trebellos de labranza, o lagar, e ás veces as bestas. Os señores tiñan árbores frutais e viñedos. Tamén cipreses, que eran árbores de certa distinción que rubían ao ceo e se compretaban ao mesmo tempo cunha capela, que non podía fallar porque representaba unha distinción e un dominio dunha parcela do ignoto. Deste conxunto apareceu unha definición: «Capela, patín e ciprés, pazo es». Os pazos solían ter outras construcións a carón onde vivían os caseiros, establos, etc. Outros pazos foron evolucionando e convertéronse en verdadeiros palacios máis que pazos, nome que fica reservado á cabeceira dunha explotación agrícola. Estas construcións xunto coa riqueza e grandeza dos mosteiros que ten Galiza de cando á Igrexa galega pertencíalle máis do cincoenta por cento das terras de Galiza, forman a monumentalidade da nosa terra interior, xeralmente respetada e moita dela transformada en explotacións turísticas ao se despoboar de servidores da fe. Aínda hoxe contamos con cerca de cincocentas igrexas que gardan restos románicos dos séculos XII e XIII, no que van cinco catedrais. Complementan o panorama moitas terras abandoadas con propietarios lonxanos ou mortos na América, que non se toman medidas pra rescatalas á función que teñen que cumprir. Mais o pior para as agrupacións rurais está en que foron atacadas pola chegada a elas da televisión e a substitución, en xeral, do rueiro polos chalecitos typical pandorco , substituíndo a corredoira polo camiño asfaltado para dar paso ao automóbil. Unha política irrespectuosa coa tradición e máis amiga da demagoxia concentrou a maior parte da poboación no eixo Ferrol-Vigo e deixou abandoada a metade de Galiza, en moitos casos con lugares enteiros derrubándose. Fálase que do medio rural en 20 anos desapareceron 200.000 habitantes; que a industria triplicou a produción mais a economía foi a pior. Coa excepción positiva do sector da pesca, seguida a medio camiño coa leite, o sector primario da economía galega é un desastre cando non cobre as necesidades básicas da alimentación, ademais de que os nosos recursos naturais non contan para nós. De pouco serve construír en pleno século XXI sobre un territorio como o noso sen planificar á altura do noso tempo.