TAMÉN en Pakistán, onde non hai LOE, suscita debates o programa de estudios. Por exemplo, acaba de descubrirse que o texto oficial para aprender inglés leva como prólogo un poema dedicado a George Bush. O poema titúlase O líder e é unha peza anónima na que se exalta a un líder tamén anónimo que é «paciente, con todo o que ten que soportar / Listo para enfrontarse a todo desafío / Agradable de trato, pero forte como o aceiro...», etcétera. Dirán vostedes que non recoñecen a Bush nese retrato, e por iso seguramente o poema colou ó principio. Ata que alguén descubriu que a primeira letra de cada verso compón a frase: «Presidente George W. Bush», o que, co W non deixa nin sequera marxe para dicir que se trata de Bush pai. E xa se armou o lío. E sen embargo nada hai de estraño nisto. Moitos outros líderes tiveron os seus cantores: Augusto tivo a Virxilio, Napoleón a Stendhal, Churchill tívose a si mesmo... A maior parte do programa de Literatura, se é que aínda se chama así aquela asignatura (e se aínda existe), está composto por textos propagandísticos; só que fan propaganda de ideas nas que xa ninguén cre. Claro que non todo o mundo pode contar cun Virxilio ou un Stendhal; e George W. Bush ten que conformarse con este autor: Anónimo. De Anónimo tamén era o Lazarillo de Tormes , e a Chanson de Roland , que tamén está en verso decasílabo como estoutro, pero eu teño de min que o Anónimo de Bush é outro Anónimo diferente, aínda que os dous se chamen igual. Porque haberá quen pense que o autor preferiu ocultar o seu nome por motivos políticos, pero, créanme, se len o poema enteiro verán que é moito máis probable que o anonimato obedeza a motivos literarios. ¿E quen será, logo? Pois aquí ven a miña teoría: eu creo que o poema o escribiu o propio Bush. Fíxense senon no estilo, e na métrica do verso. É típico de Bush. Por non falar do tema, que tamén é típico de Bush, e que non é outro que o propio Bush. Del xa coñeciamos aqueloutro famoso poemiña que lle dedicara á súa esposa hai algún tempo, e tiña o mesmo estrabote (ou era igual de estrambótico) e a mesma inxenuidade case infantil. En fin, que dicia Celaya que a poesía é un arma cargada. Esperemos que non, porque entón esta oda paquistaní ó home da Casa Branca ía ser unha de destrucción masiva.