Fozando coma cochos

OPINIÓN

29 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

HAI UN MOMENTO en que os nenos pequenos gustan de facer porcalladas, son eses momentos en que se volven animaliños e semellan máis ser cochos que personiñas. Poden ser precisamente eses momentos en que xusto cando están no medio da comida son capaces de meter as mans no prato, mesturar e esparexer os restos de puré pola mesa, acompañar esa delicatessen con auga e faragullas de pan molladas e amasar e amasar ata que o debuxo do babeiro -se é que o teñen- desaparece baixo esas resistentes boliñas de masa de puré que se impregnan no tecido. A esa acción en que os pequerrechos se asemellan aos cochos (con todos os respectos para os cochos) os galegos denominámola fozar. Quizais a partir deste exemplo quede claro o uso que figuradamente dámoslle os galegos a este verbo. En realidade, fozar é 'remexer a terra co fociño algúns animais', fochicar, bular. Hai tamén quen emprega este verbo para se referir a acción de 'facer algunha cousa sen moito coidado ou con pouca habilidade'. De aí que se empregue fozar como sinónimo de atrapallar, chafallar, fochicar. Xunto con esta acepción hai outra que serve para entender mellor o exemplo inicial, porque se fozar é facer algo sen coidado tamén é 'remover, andar tocando unha cousa repetidamente sen necesidade ou utilidade'; furgar, fedellar. Ademais ten o significado de 'traballar a medias en calquera cousa sen obter resultado'. É común, entón, na lingua galega que se escoiten expresións do tipo: Deixa de fozar no ordenador; Anda fozando nas miñas cousas; Quere fozar no dos demais en lugar de atender ao del; Estivo todo o día fozando no coche, e ao final, non o arranxou... Mestúranse, xa que logo, neste verbo dous matices principais: o de remover, remexer e o de descoido, pouca habilidade. Sen dúbida, non existe outra forma que con máis precisión sirva para definir a acción que os picariños repiten no seus primeiros inicios coa comida: fozar nela é un dos seus primeiros experimentos coas mans. Un dos seus grandes descubrimentos. Nunca fozando foron máis cochos.