MOITOS asistentes á manifestación do pasado sábado crían estar protestando contra unha lei que lles impedía dar educación relixiosa aos fillos. E en moitas parroquias exhortaron aos fregueses a manifestarse porque a Igrexa en España está perseguida. Para contrarrestar, o equipo de Goberno fixo públicas as contas da relación do Estado coa Igrexa católica en España, e comezou a dar información clara da situación das clases de relixión nos centros de ensino. E resulta que a Igrexa recibe máis de 3.000 (¡tres mil!) millóns de euros ao ano, en soldos a eclesiásticos, profesores e en distintos tipos de subvencións. A lei obriga a todos os centros de ensino público e concertado a ofrecer clases de relixión católica. A familia dos alumnos decide se quere que os seus fillos reciban ou non estas clases, impartidas por profesores escollidos polos centros entre os candidatos propostos polas autoridades eclesiásticas. Ou sexa: teñen a posibilidade de clases de relixión, teñen profesores escollidos pola Igrexa e pagados polo Estado. Tampouco esquezamos que a Igrexa goza de privilexios fiscais dos que carecemos o resto dos cidadáns: non pagan IVE na adquisicións de todos os obxectos ou bens que sexan destinados ao culto da relixión. E tampouco pagan impostos de sucesións, doazóns ou transmisións patrimoniais, mentres que o resto da cidadanía chega a pagar un 40% nas doazóns de pais a fillos. Privilexios cuestionados pola Unión Europea, pero que seguen vixentes. Un terzo dos contribuíntes sinala a casa de axuda á Igrexa na declaración da renda. Dous terzos prefiren as ONG laicas. Trátase dunha decisión libre. A Igrexa, pese a episodios desgraciados como a Inquisición ou os paseos de ditadores baixo palio, tivo ao longo dos séculos un papel importante na transmisión da cultura. É mágoa que agora non estea á altura da súa tradición. Falar de persecución é inxusto e demagóxico. Unha cousa é que a lei teña erros, e outra que a Igrexa estea perseguida.