A DEMOCRACIA necesita facer as contas coa Igrexa. En ningunha outra democracia occidental, a Igrexa católica conta cun financiamento tan xeneroso da Administración, nin cuns medios de comunicación tan poderosos, nin cun monopolio espiritual tan absoluto, nin cunha participación na educación tan substantiva. Nin siquera en Irlanda, onde cando menos tivo que competir coa poderosa Igrexa anglicana. Despois de muitos avatares, nos dous últimos séculos, foi o aliñamento eclesiástico na Guerra Civil primeiro e co franquismo despois o que lle permitíu á institución eclesiástica a posición que hoxe ocupa. Hai trinta anos, a transición política tratou con xenerosidade a unha das institucións que no franquismo final tamén contribuíu a mudar o réxime. Aínda que coa distancia que da o paso do tempo, e para sermos precisos, hoxe apréciase que non foi a institución senón cregos, monxas e cristiáns de base quen tiveron o mérito, ofrecendo unha imaxe opositora que axudou á institución a superar con ben o rubicón da adaptacion á democracia. Razóns históricas explican pois este presente. A historia non pode mudarse -debe asumirse- pero o presente si pode modificarse. A posición da Igrexa en relación coa nova Lei de Educación obriga a unha reflexión política respecto do seu monopolio herdado na educación e sostido con diñeiro público e máis respecto do seu desenfadado aliñamento político. Como institución social, forma parte da súa libertade expresarse política e cívicamente e merece todo o respeto, pero tamén é susceptibel de crítica. Pois no mar da interesada confusión creada non se trata tanto de garantir as clases de relixión para quen as desexe senón de obrigar a tomalas a quen non as quere. E non parece tratarse tanto de defender uns concertos que non están en perigo como de facer pasar eses concertos por un dereito sen obrigas. E isto no marco dunha estratexia política exitosa do partido da oposición e pola pusilánime e inexplicada actitude do Ministerio de Educación. Poden protestar, aínda que non se saiba mui ben por que, pero non é razoabel que defendan como libertades os seus privilexios, a costa do erario público. Nin pretender impoñer a catequese -mal chamada materia de relixión- no sistema público de ensino a un Estado laico, vulnerando a libertade de conciencia dos non católicos e aínda de muitos católicos. Por sorte para a Igrexa e para a convivencia civil, o anticlericalismo é cousa do pasado. Pero houbo un tempo, tan lonxano como longo, no que constituíu unha parte esencial da cultura política española. Mendizábal, Montero Ríos ou Azaña centraron parte da súa acción política entre 1820 e 1936 en reducir, reconducir ou eliminar os privilexios que a Igrexa católica posuía no antigo réxime. A tradición democrática, a republicana e aínda a simplemente liberal tiveron que resituar a posición da Igrexa no mundo moderno para facela compatibel coa escola pública, coas libertades (incluida a de conciencia) e especialmente coa fiscalidade do Estado liberal. Sen as desigualdades e inxustizas do pasado, aínda hoxe a actitude da Igrexa permite explicar o vello anticlericalismo.