O que vai cambeando

ISAAC DÍAZ PARDO

OPINIÓN

06 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

CON ESTA democracia que nos diron hai cousas que están a cambear. Rematamos de ver catro exposicións que non era posible ver hai trinta anos. A Galicia industrial na nova sede en Vigo da Fundación Barrié de la Maza. Hai que sinalar que se trata dunha magnífica mostra sobre todo polos materiais que están expostos. Coidamos que a orientación xeral corresponde a Xoán Carmona, aínda que supervisada polo profesor Jordi Nadal. Aínda que a exposición socialmente non é completa por razóns obvias, cabe felicitar a todos os que traballaron nela, especialmente á fundación que fixo o esforzo, en todos os sentidos, por facela. Indudablemente trátase do primeiro esforzo que se ten feito neste sentido na nosa terra. E compre sinalar que con esta exposición inaugurábase o edificio rehabilitado e transformado do que foi delegación do Banco Pastor, para convertelo no que é hoxe, con enorme respecto da obra ecléptica do cerramento, obra do noso vello amigo Manuel Gómez Román, presidente que foi do Partido Galeguista cando o 36. Outra importante exposición é a de Frida Kahlo, aberta no edificio da Fundación Caixa Galicia na rúa do Vilar de Santiago de Compostela. Trátase dun importante esforzo, tamén financeiro que fai a caixa de aforros do norte de Galiza. É un privilexio que esta exposición se faga en Galiza antes que en ningunha outra cidade de España. Estase a recuperar, por fin, a historia, e con esta exposición que a ilustra podemos ver o desinformados que estabamos nos sesenta anos que van alá. Non se trata dunha gran exposición de pintura, senón dunha importante exposición de arte surrealista, máis ou menos, de obras de pequeno formato, que centran unha historia de gran trascendencia porque na dramática vida de Frida, con terribles enfermidades e dramáticos accidentes que a partiron, fica o gran muralista Diego Rivera, co que se casou dúas veces compartindo unha relación escabrosa na que a fidelidade conxugal non tiña sentido, e Diego entendíase con outras mulleres, entre elas a irmán pequena de Frida, e Frida coñece na súa cama diversos homes e mulleres entre os que se atopan Trotsky e María Félix. Trotsky sería asesinado por Ramón Mercader, cuia identificación marcou unha historia poética. A obra de Frida foi admirada por André Bretón, Picasso... un interés emocional despertado no mundo pola súa obra e a súa vida, que acó se descoñecía antes do 1975. A historia enlaza con Galiza por Dolores Olmedo e os seis anos mexicanos do inmolado Francisco Miguel Fernández Moratinos. Outra exposición excepcional é a que fica no auditorio de Galicia sobre Os artistas de Ánxel Casal . A colección, moi ampla, magnificamente montada, coordinada e explicada por Enrique Acuña, foi das mostras que estou rexistrando a que máis me interesou, pois nela está un sector importante da historia galega que explica o que foi capaz de facer a arte de Galiza antes do ano 36. Sen dúbida esta exposición excepcional foi a que custou menos cartos que as que estou rexistrando. Todo o que se faga para relembrar a Ánxel Casal sempre será inferior aos merecementos que lle debe Galiza e o libro galego. Finalmente, a Fundación Luis Seoane ten unha exposición do que fixeron na diáspora artistas galegos, máis ou menos. Non é completa, pois fallan artistas tan importantes como Compostela, Uxío Souto... Compre dicir que con estas catro exposicións que se atopan abertas neste momento Galiza conta cun legado de historia e plástica que debera ser estudado por cantos se interesen nestas disciplinas.