NA SÚA teima en seguir mentindo, as forzas ocupantes do Irak quérennos convencer de que agora, cunha Constitución maioritariamente votada, vaise entrando nunha fase de normalización, de maneira que moi logo se terá instaurado a democracia e, con ela, a seguridade. Pero para iso é mester calar, como fan os ocupantes, que esa carta constitucional só poderá ser aplicada nas zonas restrinxidas das cidades e arredor das fortificacións do exército invasor, ou sexa, a unha parte mínima do país caracterizada pola súa excepcionalidade. Non se pon en dúbida que a democracia é o mellor antídoto contra o terrorismo. Pero, no caso do Irak, falar de democracia redúcese a unha ficción. Por iso, o terrorismo vai continuar, e, o que é peor, consolidarase a guerra civil entre algunhas etnias do país, como se vén temendo dende hai tempo e hai xa sinales de que comezou. Custa crer que a cegueira do invasor non teña mellorado á luz manifesta da experiencia.