RESULTA imposible escapar ao tema da mal chamada gripe do polo -afecta a todo tipo de aves- que tanto está dando que falar. Os que traballamos contaminados coa información chegamos a aborrecer determinados temas e ata nos atrevemos a facer chistes daquilo que nos apodera a maior parte do día. Mentres editamos unha noticia relacionada coa enfermidade hai quen se me achega para ver «cómo vai iso da gripe dos pitos». O chiste é malo, pero serve, cando menos, para formular algunhas cuestións que xorden na lingua con respecto a esta epidemia. Evidentemente, usar o substantivo pito non é adecuado, xa non só polo tipo de linguaxe -máis coloquial- senón porque pito , en rigor, é 'un polo pequeno que anda coa galiña mentres está choca ou mesmo cando esta o abandona'. Pitos á parte, o curioso do tema desta gripe é que aparece utilizada nalgunhas fontes co adxectivo aviar: «Un grupo de científicos alemáns traballan [...] nunha vacina contra o virus da gripe aviar». En galego, á diferenza do castelán, a forma aviar non existe como adxectivo, senón como verbo, que entre moitas outras acepcións ten a de 'proporcionar a alguén o que precisa para un determinado fin'. O adxectivo galego é aviario(a) que significa 'que ten relación coas aves' e é distinto de avícola 'relativo ou pertencente á avicultura'. Entón a forma correcta para referirse a esta enfermidade é gripe aviaria . O adxectivo galego coincide co castelán aviario (gripe aviar, gripe aviaria) e co portugués aviário. Xunto con gripe (do francés grippe ), o galego coñece o substantivo influenza, de rexistro culto, que procede do italiano influenza, idéntico tamén ao termo inglés que estes días aparece en todos os documentos internacionais a propósito do tema: avian influenza. Fórmula que convive coa máis coloquial bird flu. Desde que a gripe aviaria foi transmitida aos humanos, as autoridades sanitarias alertaron sobre a prevención e o tratamento desta enfermidade infecciosa. É entón cando empezamos a escoitar por vez primeira distintos termos relacionados coa posible curación desta gripe. Fálase de vacina e antiviral como se se tratase da mesma realidade. Aínda non está dispoñible a vacina para os humanos contra a gripe aviaria, pero unha vacina é unha substancia que se administra a un suxeito para crear inmunidade contra a enfermidade. Xeralmente son partes do propio virus ou bacteria aos que se quitan os fragmentos máis perigosos. O organismo recoñéceos e crea anticorpos. De modo que cando entramos en contacto con eles de forma natural xa temos formadas as defensas. Pero, ademais da vacina, a gripe aviaria pode afrontarse mediante tratamentos antivirais. Un antiviral ou antivírico é unha molécula química activa contra os virus, como, por exemplo, o aciclovir, un antiviral contra o herpes. Ben está facer estas distincións en temas de transcendencia. Que non nos pille a gripe, nin sequera aos pobres polos. falar.ben@lavoz.es