COMO outros anos, a presentación pública dos Orzamentos Xerais do Estado para o exercicio 2006 ten suscitado un interesante debate sobre os efeitos territoriais do gasto público e o grado de solidariedade rexional que incorporan as contas estatais. Sen ánimo de ser exhaustivos é conveniente indicar que a solidariedade esixe pór en correspondencia ingresos e gastos, e que poden distinguirse varios fluxos de índole diferente: -A solidariedade interpersonal, que circula a través do sistema da Seguridade Social. A relación entre cotizacións e percepcións (as pensións) constitúe unha simplificación expresiva do sentido dos fluxos. -A solidariedade na provisión de servizos públicos (ensino, sanidade e outros), que se produce de xeito evidente cando o financiamento de administracións descentralizadas (autonomías, concellos) ten lugar en parte con recursos netos procedentes de individuos ou actividades radicados noutros territorios, de superior capacidade ou esforzo fiscal, recursos que circulan a través das contas estatais. Pero esa solidariedade tamén está implícita na provisión homoxénea de servizos por parte da propria Administración central, sobre unha realidade fiscalmente heteroxénea. -A solidariedade para o desenvolvemento, que practica a Administración central ao redistribuír recursos a favor de áreas de inferior dotación de infraestruturas ou stock de capital tecnolóxico. ¿Como avaliar, desde Galicia, os Orzamentos do ano 2006 a partir desta clasificación? Coa información actualmente disponible debemos ser optimistas. En primeiro lugar, polo incremento sustancial dos recursos públicos centrais destinados a afrontar os problemas das persoas dependentes, así como polo esforzo para acrecentar o gasto en pensións, centrado sobre todo nas pensións mínimas. Ambas medidas deben ser especialmente celebradas nunha comunidade na que a taxa de avellentamento é moi elevada, a ratio entre obrigas e dereitos da Seguridade Social é de 1,4 (moi superior á media española), unha de cada catro persoas percibe unha pensión contributiva e amosamos o importe medio das pensións máis baixo de todas as autonomías. En segundo lugar, o Orzamento 2006 recolle 1.700 millóns de euros para plasmar o recente acordo interautonómico en materia de financiamento sanitario así como o compromiso coa FEMP para elevar un 14% as transferencias ás administracións locais; ademais, nos gastos directos do Estado medrará significativamente a educación. Pero o debate sobre a solidariedade interrexional ten gravitado dun xeito cecais excesivo sobre o investimento público. Debemos lembrar que a solidariedade para o desenvolvemento, como a definimos previamente, ten unha expresión institucional no Fondo de Compensación Interterritorial. Aínda que Galicia é unha das comunidades tradicionalmente máis beneficiadas, tanto a súa dotación global como a súa función no conxunto do financiamento autonómico merecen unha reflexión serena, que revalorice o seu papel no conxunto do sistema. En canto ao investimento que efectúa directamente o Estado ou o sector empresarial público central unha primeira constatación é que non debe atender só ao criterio de redistribución, senón tamén ao de eficiencia. Ás áreas menos desenvolvidas interésalle tamén que as outras medren a un ritmo elevado, para obter unha superior taxa de crecemento xeral. Ademais, é unha función específica dun Estado central nun modelo cuasifederal como o noso afrontar a construción das redes de infraestruturas cunha perspectiva integral así como pór en marcha actuacións extraordinarias cando sexa preciso (por exemplo, para paliar os efeitos negativos da catástrofe do Prestige ). Non deben interpretarse estas afirmacións como unha avaliación negativa da atención aos déficit das áreas menos desenvolvidas senón como unha necesidade de utilizar criterios de superior complexidade. Neste contexto, e coas cifras coñecidas, interesa constatar que o investimento central rexionalizado en Galicia multiplícase por 1,45 entre 2004 (último orzamento da era Aznar) e 2006 -aproximadamente 450 millóns de euros adicionais. Sen dúbida, todos quereríamos máis, pero o esforzo é notable. E que a preferencia por áreas con menores niveis de desenvolvemento manifestouse de xeito moi marcado xa no primeiro orzamento do presidente Zapatero e agora confírmase. Por dar un dato: no último ano Aznar, Madrid recibiu 554 euros por habitante, e Galicia 380, por baixo da media española; no 2005, as cifras foron 412 e 457 euros por habitante, invertíndose as posicións e situándose a nosa comunidade nidiamente por riba da media. Pero no 2006 o investimento rexionalizado da Administración central en Galicia superará os 540 euros por habitante, nunha senda de sostido pulo ascendente. Articular unha rede de transporte ferroviario eficiente no eixo atlántico, dar un paso adiante para unha conexión exterior ferroviaria de alta velocidade, serán, entre outras, as actuacións máis destacadas. Priorizar o gasto de carácter social, reforzar os servizos públicos básicos que son competencia das administracións subcentrais e acelerar a dotación en recursos para proxectos estratéxicos de infraestruturas en Galicia permiten unha avaliación satisfactoria dos orzamentos xerais para 2006.