ENTRE os proxectos que se pensaron para a Cidade da Cultura hai un que está máis que xustificado: o Museo da Historia. Claro que para facer este museo o primeiro é investigar a nosa historia, que aínda non está fixada nin diagramada, polo que máis que como un museo sería tratalo como un instituto ou un seminario, e o museo viría logo do que se fose concretando, que como material expositivo pouco máis podería ser que un texto mural, fotografías de restos e lugares e material bibliográfico, orixinal ou reproducido, pois supoño que non se pretendería que fose un museo arqueolóxico, a costa de tirar das pezas de outros museos. Algunhas cousas estruturais da nosa historia sábense; por exemplo, cando os romanos completan a ocupación do resto da Península atópanse coa Gallaecia, que era un pobo considerado como nación que xa tiña un nome, que o Imperio o incorpora ao seu haber, levándose o ouro e respetando nun principio a súa cultura. Logo os suevos mantiveron a independencia deste pobo por case dous séculos, e os musulmáns non se atreveron a conquistala, cando xa tiñan entrado en Francia. O latín foi evolucionando a lingua romance que se falou dende a Estaca de Bares deica o Mondego. Logo viñeron uns traidores e roubaronnos ao seu irmán o rei García, e deixaron amputar unha parte do país e sumir o que quedou nun abandono de nove séculos. Querer negar que Galiza é unha nación só pode xustificarse por non saber e por interpretar mal o testamento de Carlos I ao dicirlle ao seu fillo que se pretendía a unidade dos reinos ibéricos diferenciados tería que poñer a capital no centro, no que sería Madrid. O fillo, que falou nalgún momento das Hespañas, rematou sacándolle o H, por eso Castelao escribía Hespaña para nos recordar de onde vimos. Os erros fóronse sumando e hoxe ao Goberno de Galiza chámanlle Xunta, cando esta era a reunión dos procuradores das sete principais vilas galegas, para nos sacar os cartos e as levas de homes para as guerras. Hoxe, aínda hoxe, un centralismo anacrónico defende que Galiza fique dividida en catro provincias, imposto polos franceses co apoio dos patrioteiros nosos. O recoñecemento de que somos unha nación con lingua e tradicións diferenciadas non atenta contra a unidade do Estado español, senón que lle dará máis fortaleza e unidade, pois consolidado este recoñecemento desaparecerán as xustas reivindicacións. O separatismo hai que atribuirllo ao Conde Duque de Olivares e a outros que apoiaron que polo seu equívoco centralista provocou a independencia de Portugal. As aberracións do centralismo foron a ruina do Imperio español, no que non se poñía o Sol. Todo o importante tiña que estar en Castela, e así o Almirantazgo de Castela puxérono en Medina de Río Seco, a 500 quilómetros dos portos importantes do norte. Non debe extrañarnos que ingleses e holandeses acabaran coa flota do Imperio e se quedasen con Gibraltar. Tomando esto como exemplo, é sabia a proposta de Touriño de levar a Consellería de Pesca a Vigo, que é o porto pesqueiro máis importante de Europa e non debemos perder esa importancia, apoiándoa. ¿Que fai unha Consellería de Pesca ao lado do río dos Sapos, onde apenas hai escalos? Europa decidiu poñer en Vigo a súa Axencia de Pesca, e os centralistas de Santiago, que son máis papistas que o Papa, ¿van impedir levar a Consellería de Pesca a Vigo? Mais o papel acábase e os temas en relación co Gaiás son moitos.