AS MODAS na lingua tamén existen. Todos nalgún momento deixámonos levar por elas, especialmente os adolescentes. O domingo mesmo, a prensa recollía que os rapaces máis novos cambian de rexistro segundo o contexto (como os adultos) e teñen un bo concepto de si mesmos respecto ao seu uso do léxico. Desde que teño uso de razón lingüística escoitei a ladaíña de que os mozos teñen pouco léxico. Incluso na facultade un profesor de lingüística formulara esa pregunta, hai xa uns cantos anos, a toda a clase: «¿Son os novos máis pobres no uso das palabras?». Depende de qué palabras. Hoxe seguen sendo moitos os que se escandalizan polo emprego de determinados vocábulos e pola pouca riqueza de matices desta xeración. O mesmo que na miña xeración. O mesmo que na anterior. A pobreza léxica é un concepto relativo (¿variedade só no rexistro culto?) e ás veces son as modas e a presión social as que influén no idioma. Apenas hai dez anos a palabra noivo estaba prohibida na etapa de estudante -hoxe segue sen utilizarse- e os rapaces espremían os miolos para esquivar un concepto que molestaba. Un saía con alguén, andaba con alguén, moceaba ou tiña mozo, pero nunca noivo. Agora, como naquela época, repítese o conto. É preferible fuxir da palabra noiva, habendo moza, rapaza e, dependendo do rexistro, do enfoque e da lingua, chavea, cativa, chavala, chorba¿ e así ata un rico abano de termos. Non obstante, a medida que avanzamos na idade e as relacións se afianzan os adultos tamén buscamos modos de definir a nosa unión co outro en función do carácter formal que lle queiramos dar: falamos así do noso compañeiro, o noso amigo, a nosa parella (mesmo en castelán triunfa a fórmula mi chico ), antes da seriedade dun noivo. Palabra esta que en galego ten un matiz de compromiso forte, de noivado ('aquel que está a punto de casar'), e que case sempre é utilizada para se referir ao 'home que vén de casar' ou 'está a participar na cerimonia do casamento'. Non se equivocan os adolescentes en esquivar algunhas expresións. Hai grandes diferenzas entre ser mozos e ser noivos. É unha cuestión de tempo, pero tamén do noso tempo vital. falar.ben@lavoz.es