falar.ben@lavoz.es DESDE que Fernando Alonso ocupa a programación de Tele 5, as mañás dos domingos desapareceron. Desapareceron especialmente para uns, aqueles que tamén ocupan as tardes dese día dedicados ao fútbol. Alegría para os afeccionados ás carreiras: o domingo é o día da fórmula 1. O día de Alonso. O día tamén de coller a pole position no sofá. Os novatos neste tema non poden escapar a esas incribles expresións que áxiles saen agora polas bocas dos seareiros do corredor. Todos falan da «pole» como quen fala do gol. Ademais, se se observa con atención, isto da pole ten o seu aquel desde o punto de vista lingüístico. A diferenza doutras expresións, non hai pudor á hora de pronunciala tal é como se le (pole) cando non vai unida ao substantivo inglés position . Así falamos de que «Alonso ten a pole», «colleu a pole»¿ con esa lixeireza que aos non entendidos no tema nos asustaba nun primeiro momento: o de coller a pole soaba, cando menos, a enfermidade importante. Hoxe son poucos os que descoñecen o significado de pole aplicado ao mundo da fórmula 1. Por pole position enténdese a primeira posición de saída, a posición privilexiada de saída, a posición de cabeza que o piloto consegue anteriormente nunha carreira previa. Deste xeito, é normal que o adxectivo substantivizado pole vaia acompañado de verbos como obter, recuperar, defender, gañar, conseguir (a pole) ¿ ou co verbo ser en fórmulas do tipo É a quinta pole¿ A expresión callou con tal éxito entre os falantes que xa se emprega, como metáfora deportiva, noutros ámbitos da linguaxe: «Pujol e Arzalluz aproveitan a súa pole position para sacar fóra da pista ao PSOE», «Na nosa empresa queremos acadar unha pole position utilizando a nosa tecnoloxía¿». Non obstante, a forma pole ten ademais para os galegos outro significado. Como substantivo masculino o pole é o 'po fino que se produce nos estames das plantas con flores' (Ten alerxia ao pole) . E é erro tamén moi común que se empregue *pole , en lugar da correcta polis , para se referir ao nome que designa a cidade-estado na Grecia antiga. Isto é debido a que en galego o sufixo pole existe como o elemento grego de formación de palabras que significa 'cidade'. Así cómpre falar da polis grega , non da *pole grega , pero de metrópole, necrópole ou acrópole . Hoxe, despois dun tempo de ausencia, recuperamos a pole position . falar.ben@lavoz.es