Teoría das catástrofes

| MIGUEL-ANXO MURADO |

OPINIÓN

07 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

NAS PÓLIZAS de seguros de Estados Unidos, Deus está na letra pequena. Figura nunha cláusula que ninguén le e á que se chega só mediante un intricado camiño de asteriscos: é a cláusula dos Acts of God , actos de Deus, que é como lle chaman os corredores de seguros norteamericanos ás catástrofes cando son extensas, devastadoras, sobre todo inesperadas, e que eximen ás empresas aseguradoras de abonar as indemnizacións das pólizas. Tristemente, cando o dedo húmido dos superviventes de Nova Orleáns chegue a ese parágrafo, moitos comprenderán que perderon máis aínda do que pensaban e moitos ricos e pobres (unha distinción que tanto preocupou nesta desgracia) estarán igualados. Inundacións. Temos unha relación atávica con elas. Os nosos libros relixiosos están cheos de augas que devoran o mundo en poucos días, xa sexa o Noé da Biblia, o Deucalión dos mitos gregos, o hindú Masya, a historia babilónica de Utnapishtim, a lenda chinesa de Da Yu. Tamén os contos populares medievais están poboados de vilas asolagadas, de países baixo o mar, de continentes inundados: a cidade de Ys, a Antioquía somerxida... Todas esas historias parécense nos seus detalles, pero o que de verdade teñen en común é que intentan unha explicación da catástrofe: o diluvio é sempre un castigo dos deuses polos pecados da humanidade. Son advertencias, castigos, exabruptos da ira divina. Acts of God . Supostamente, hoxe xa non pensamos así. E sen embargo, escoitando o que se di estes días sobre o cataclismo de Nova Orleáns, un non estaría tan seguro. Á marxe das preguntas que un se faga acerca da mala xestión da crise, parece como se seguísemos querendo ver un sentido, unha mensaxe no diluvio. «É o individualismo da sociedade americana» predican algúns; «é o pecado da guerra de Irak» din outros; «ten que ser o quecemento global» sospeitan outros. Actos de Deus. Si, a maioría xa non cremos na ira divina, pero aínda así parece que non queremos abandonar ese papel punitivo que os textos sagrados lle outorgaban á natureza, e resistímonos a vela como o que seguramente é: o producto de forzas cegas sen lección moral. Mesmo lles damos ós furacáns un nome de home ou de muller ( Katrina ) como esperando que nos falen e nos digan por que. Pero eles non nos falan, e proseguen o seu camiño indiferentes. Porque a natureza, en realidade, non sabe nin que existimos.