AFEITOS como estamos os galegos a pensar que os demais nos superan con creces en case todos os ámbitos e facetas, non me estraña aínda que me doe a ausencia de opinións que nestes días fagan unha orgullosa defensa do modelo do autogoberno galego. A realidade é que Galicia é unha nacionalidade histórica que, hoxe en día, se atopa entre as rexións de España e de Europa con maior capacidade de autogoberno e, chegados a este punto, ninguén pode negar que as principias propostas de reforma defendidas desde 1990 polo PPdeG e especialmente por Manuel Fraga desde a Xunta de Galicia están hoxe no centro do debate político español. É dicir, Galicia acadou cotas de autogoberno inimaxinables hai algunhas décadas, e fíxoo sen converter o debate identitario nun debate partidista. Así considero que debe seguir sendo. Fronte a outras experiencias, coma a catalana, que nestes días enche de crispación as follas dos xornais e tamén as rúas, o modelo galego de avance no autogoberno é exemplar. Témonos que sentir orgullosos de que na sociedade galega non abrollen conflictos identitarios que supoñan fendas entre irmáns; velaí outra realidade. Non podía ser doutro xeito: a gran maioría dos galegos consideramos como propias e perfectamente compatibles as nosas identidades local, galega, española e europea. En efecto, a nosa sociedade harmoniza o sentimento de pertenza a unha terra a cantos niveis lle collen no corazón. Na miña opinión, é unha prioridade que o novo Goberno e os que estaremos na oposición sigamos a desenvolver e prestixiar a nosa autonomía e o noso autogoberno -sen esquecer o reforzo do poder local- en todos os casos de xeito construtivo. Reforzar o noso autogoberno non é máis que avanzar na autoidentificación dun pobo que, con dereito a defender e proclamar as súas diferenzas, está inserido en España sen ningún tipo de tensión. A real -por Historia e por sentimento maioritario- e tamén leal e solidaria pertenza de Galicia a España non é óbice para renunciar á singularidade, porque esta tamén responde a unha Historia, a un sentimento, a un presente e a un futuro no que a autoestima ten que ser o compás que dirixa modernidade da sociedade galega. O desenvolvemento dun maior autogoberno é cuestión de diálogo e entendendemento, de conversa calma que evite fendas de desigualdade e diferenzas asimétricas entre as comunidades que configuran España e que, sobre todo, evite actuar en dirección contraria aos intereses do pobo soberano. Por iso é necesario que o avance no autogoberno se basee no consenso, coas reformas do Estatuto precisas, si, pero consensuadas e dentro do marco constitucional. O progreso de Galicia ten quen ser xermolo e froito da unión de todas as forzas políticas, nun traballo conxunto que responda ás demandas duns cidadáns que buscan en nós, os políticos, un referente de máis entendemento e menos crispación. Precisamente en frío cómpre afrontar a reivindicación do noso dereito á diferenza para, de xeito positivo, avanzar na mellora da calidade de vida dos galegos, reto que pasa polo avance no autogoberno. O Día de Galicia que celebramos hoxe é unha oportunidade para reivindicar unha diferenza que, lonxe de afastarnos, nos achega a España e Europa.