ERA Antón Patiño Regueira un home que amaba os libros máis que a maioría. Escritor e ávido lector non é pouco, pero é que ademais rexentaba en Vigo unha librería mítica, Librouro. Xunto coa súa compañeira Raimunda Pérez Sobreira fundou a tenda que aínda segue en pé en 1967, en tempos difíciles para as letras rebeldes nos que se atreveron a despachar na trastenda obras prohibidas polo réxime que chegaban desde Bos Aires e París. Dende alí, como anfitrión, capitaneaba o activismo cultural e tamén deixou pegadas como editor publicando libros de homenaxe a Castelao ou Ramón Cabanillas, entre outros. Humanista formado nas escolas de ideario progresista, republicano e galeguista ata o fin dos seus días, honrou coa súa amizade e tivo a honra de ser amigo dalgúns dos máis destacados intelectuais do país, entre os que salienta a súa relación con Urbano Lugrís, que inventou para el os títulos de Libreiro e Señor. Os seus vínculos coas artes resultaron ter compoñentes xenéticos demostrados por el mesmo, polo seu sobriño Reimundo e o seu fillo Antón. Pero tamén tiña outra paixón que, sen metáforas, o conectaba directamente coa terra. Patiño foi un activo promotor da micoloxía e moitas cousas máis: filatélico, trobador e especialista en escribir prantos polos amigos mortos. Memoria de ferro foi o seu derradeiro testemuño conmovedor sobre as vítimas da represión militar de 1936 na súa cidade natal, A Coruña, e na súa comarca de adopción, Monforte.