EL ENCONTRABA na barra dos bares un lugar para vivir. Sen ela pintaba versos de amor nas paredes: Unha noite destas, sabes, nas que sobran os gintonics e falta a compañía, apareces como un fantasma no meu cuarto... Sen ela importáballe pouco que Touriño e Quintana negociasen, que Madrid non fose sede olímpica, que san Fermín, que Zapatero, que Rajoy. Botábaa de menos e quería abrazar os seus ollos, que é a única patria na que perduran os abrazos. O resto era silencio. Quería tender unha toalla na duna dunha praia sen nome, que a area dos días pasase, encontrala na barra do bar no que vivía. Ela era Brad Pitt xogando a ser Aquiles o victorioso. El non sabía de victorias porque ela sempre lle faltou. Faltáballe fe en poder encontrala. Por iso soñaba a mesma muller mentres o seu barman favorito, que quería ser Mick Jagger, falaba de cousas imposibles. Escoitaban a da camisa negra, porque negra tengo el alma, cantaba o barman. Despois do último gintonic falaba cos gatos e prometía, solemnemente, que non volvería beber. Deixaría de vivir nos bares. San Fermín, Quintana, Touriño. Botábaa de menos e só quería abrazala. O resto, dicía Hamlet, é silencio. Unha noite destas, sabes, nas que sobran os gintonics...